Inicio Carballo ao día Novas O volume de parcelas ocupadas ou adxudicadas no...

O volume de parcelas ocupadas ou adxudicadas no polígono de Bértoa xa supera o 50% da superficie dispoñible

A corporación municipal aprobará en maio bonificacións no ICIO para oito novas empresas

Venres 21 de abril do 2017

O polígono de Bértoa lidera a venda de parcelas de uso industrial en Galicia. De feito, na última oferta de solo realizada por Xestur, o pasado mes de marzo, foron adxudicados 19.263 metros cadrados de terreo, repartido en seis parcelas, por un prezo de 710.210 euros, moi por riba do seguinte, que foi o polígono de A Sionlla con 13.000 metros cadrados. Deste xeito, o volume de solo ocupado ou adxudicado sitúase xa no 50,67% da superficie do parque empresarial carballés, un dato que ofreceu hoxe o alcalde, Evencio Ferrero. Concretando máis, dos 458.619 metros cadrados de superficie neta que abrangue o polígono, hai 232.376 que non só teñen dono/a, senón tamén un proxecto empresarial que ten que desenvolverse nun prazo máximo de tres anos a partir da compravenda.

As bonificacións establecidas por Xestur, que acadan ata o 50% do valor do terreo, constitúen un elemento dinamizador, pero non o único, xa que, de feito, os mesmos descontos aplícanse no resto dos polígonos galegos con moito menos éxito. O Concello de Carballo tamén axuda á implantación de novas empresas con bonificacións de ata o 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Nos últimos dous anos e medio foron aprobadas deducións por case 200.000 euros, e no pleno do mes de maio o goberno proporá tamén bonificacións do ICIO para outras oito empresas.

Aínda que a crise incidiu negativamente e a construción de naves reduciuse moi considerablemente, nos últimos anos estase a incrementar de novo, como se reflicte na actividade urbanística. No 2016 o Concello de Carballo aprobou licenzas para 10 naves industriais, e no primeiro trimestre deste ano deu luz verde a outras catro.

Descargas

Compartir: