Inicio Carballo ao día Novas Chega a Semana do Libro e a Lectura máis...

DÍA DO LIBRO EN CARBALLO

Chega a Semana do Libro e a Lectura máis máxica!

1.200 escolares participarán nas actividades que se desenvolverán do 22 ao 26 de abril, coa colaboración da AS-PG e dos centros educativos

Venres 19 de abril do 2024 Lingua

A Semana do Libro e a Lectura celebra a súa edición máis máxica, porque o tema arredor do cal xirarán todas as actividades desta 17ª edición é, precisamente, a maxia. 1.200 escolares de todos os centros carballeses de infantil e primaria achegaranse ao libro e á lectura a través de actividades moi diversas que se van celebrar na Biblioteca Rego da Balsa. E precisamente este foi o escenario da presentación, na que participaron a concelleira de Bibliotecas, Ángeles Pacoret; a vicepresidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), co-organizadora do evento, Ana Pérez Rico, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

A Semana do Libro e a Lectura inclúe dous tipos de actividades. Pola mañá desenvólvense as concertadas cos centros de ensino, que este ano permitirán aos escolares desfrutar dos espectáculos de Soledad Felloza, Teatro Ghazafelhos, Bandullo azul, Raquel Queizás, Marta Ortiz e o Mago Paco. E polas tardes, a partir das 18.00 horas, contos música e maxia para o público en xeral. Iso si, por cuestións de aforo, como lembrou a concelleira Ángeles Pacoret, as persoas interesadas en participar deben inscribirse no 981 758 580.

Polas tardes tamén poderá visitarse a exposición dos traballos elaborados polo alumnado dos centros de ensino arredor do tema proposto este ano. Neste caso o acceso é libre.

“É un orgullo participar como organizadores co Concello de Carballo e co patrocinio da Fundación Luis Calvo nestas xornadas, que penso que son importantes para a infancia, como parte da súa educación, e que ademais non teñen lugar noutras partes da xeografía galega. Os que non somos de Carballo non temos o pracer de contar cunhas xornadas tan importantes”, subliñou Ana Pérez.

Con respecto ao tema deste ano, a vicepresidenta da AS-PG dixo que hai que falar da maxia da lectura “porque nos leva a lugares moi diferentes, e para min hai unha característica da lectura que fai realmente máxica, e é que mellora a vida das persoas, e cando abrimos esta porta tan grande para promocionar a lectura entre os nenos e as nenas tamén estamos mellorando as súas vidas”.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a continuidade da iniciativa e a implicación de alumnado e profesorado edición tras edición. Así mesmo, felicitou á AS-PG pola programación, agradeceu a colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz e animou ás familias a acudir cos nenos e nenas ás actividades que se van celebrar polas tardes.

Descargas

Compartir: