Inicio Carballo ao día Novas Carballo celebra o Día de Rosalía...

Carballo celebra o Día de Rosalía de Castro con visitas escolares guiadas ao xardín dedicado á escritora

O grupo musical Raiceira realizará actividades co alumnado dos colexios participantes

Domingo 18 de febreiro do 2024 Lingua

Alumnado do CEIP Bergantiños encheu de ilustracións o Xardín de Rosalía coa axuda da brigada municiipal de xardíns

Alumnado do CEIP Bergantiños encheu de ilustracións o Xardín de Rosalía coa axuda da brigada municiipal de xardíns

Rosalía de Castro ten unha presenza permanente no noso concello a través do rueiro e, desde o ano pasado, dun fermoso xardín situado na beira do río Anllóns. E este xardín vai converterse de novo no escenario do actos conmemorativos do Día de Rosalía, que en Carballo se van estender máis alá do 23 de febreiro.

Este ano imos poñer en valor a figura de Rosalía de Castro desde un punto de vista teórico e artístico, implicando o alumnado de Primaria nunha serie de actividades nas que contaremos coa participación do grupo musical Raiceira, formado por xente moza que non só ten inquedanza pola difusión da nosa música tradicional, senón tamén da lingua e da cultura galegas.

Con Marta Álvarez (voz e percusión), Manuel Lucas (voz e guitarra), Hadrián García (voz e clarinete) e Adrián Méndez (gaita), os nenos e nenas participarán nunha visita guiada de 45 minutos de duración, aproximadamente, polo Xardín de Rosalía. Nunha primeira parte desenvolveranse actividades que lles permitirán achegarse á vida e á obra de Rosalía de Castro dun xeito lúdico, e nunha segunda parte, centrada na dinamización musical, interpretarán os poemas O moucho e Adeus ríos, adeus fontes. Para a preparación previa da actividade enviarase a cada centro o material didáctico correspondente.

Esta proposta, impulsada desde a Concellaría de Normalización Lingüística, complementarase coas achegas dos propios centros educativos. O alumnado do CEIP Bergantiños, por exemplo, ilustrou a vida de Rosalía de Castro, e o venres, coa colaboración do servizo municipal de xardíns, os nenos e nenas colocaron as ilustracións no propio xardín.

Compartir: