Inicio Carballo ao día Novas En marcha as obras de conservación e...

En marcha as obras de conservación e mellora de rúas no núcleo rural tradicional dos Vilares, en Sísamo

Os traballos, que executa a empresa Vázquez y Reino, servirán tamén para completar a rede de abastecemento de auga pluviais

Domingo 14 de agosto do 2022

Evencio Ferrero e Marcos Trigo visitaron as obras

Evencio Ferrero e Marcos Trigo visitaron as obras

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polo concelleiro Marcos Trigo, realizou unha visita aos Vilares, na parroquia de Sísamo, coincidindo co inicio das obras de conservación e mellora de rúas nese núcleo rural tradicional. A actuación permitirá que Os Vilares se sume a outros lugares singulares coma Cances Grande, O Rodo, Vilar de Cidre ou Castillón, nos que levamos a cabo actuacións integrais de dotación de servizos e pavimentación do rueiro con formigón co obxectivo de revitalizalos e poñelos en valor.

No caso dos Vilares está previsto actuar en 2.600 metros lineais de vías, nas que se realizará unha limpeza completa antes de proceder á pavimentación con formigón. Serán, en total, 9.000 metros cadrados de superficie. As obras, que executa a empresa Vázquez y Reino, están incluídas no POS+ Adicional da Deputación da Coruña e foron adxudicadas por 227.651 euros.

As obras permitirán adecuar as vías ás aliñacións aprobadas no PXOM, pero tamén completar o o servizo público de abastecemento de auga ás zonas que carecen del. Deste xeito, está previsto colocar 175 metros de tubaxes, dúas bocas de rega e dúas válvulas de comporta. A drenaxe de augas pluviais completa o proxecto, que ten un prazo de execución de cinco meses.

Compartir: