Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sete bandas locais actúan no festival...

VERÁN CULTURAL

Sete bandas locais actúan no festival Rockarballo

Venres 19 de agosto do 2005

O sábado resérvase para as bandas con estilos máis heavy como Whiplash e Faze, que están acompañadas polo grupo de Laracha Talesien, que presenta o seu primeiro disco The blind carpenter. Despois de levar a súa música en concertos por todo o estado e de realizar dúas maquetas, coas mellores opinións da crítica, Talesien decide publicar o seu primeiro disco "para que rexurda o metal galego". The blind carpenter conta con importantes colaboracións como a de Pedro Valero, guitarrista de Luar na Lubre, ou Fernando Calvo, de Los Suaves.

O Concello de Carballo pretende que esta iniciativa sirva de plataforma para as bandas locais, fronte a solistas e grupos estranxeiros máis coñecidos. Os representantes dos grupos que conforman o cartel agradecéronlle ao alcalde, Evencio Ferrero, a inciativa durante a presentación do festival o pasado venres 12 de agosto. "É un exemplo para todos os concellos galegos de como se respecta a cultura e de como se debe axudar aos grupos de música locais", explicou Vituco Neira, guitarra e voz dos Ruxe Ruxe.

Os Ruxe Ruxe formáronse en Santiago de Compostela hai case dez anos. O seu estilo é sincero e directo, mesturan rock&roll, co punk e os ritmos dos 70, coa música tradicional galega. Con catro discos publicados e o número cinco a piques de rematar, os Ruxe Ruxe ofreceron concertos en todo o estado e compartiron cartel con grupos como Wolfstone, Berrogüeto, Kepa Junkera, Betagarri ou Siniestro.

Un festival aberto ao pobo

Esta é a primeira vez que o festival Rockarballo se celebra na Praza do Concello: "O ano pasado metéronnos no Pazo da Cultura e agora por fin parece que nos abrimos ao pobo", comentou o representante de Whiplash. Trátase do grupo musical máis novo de todos os que actúan na fin de semana e un dos que teñen un estilo máis heavy. Nesta liña está tamén a música dos Faze, que contan cunha maqueta de marzo deste ano chamada Horrendous. Os dous grupos estarán acompañados dun dos referentes musicais máis próximos: Talesien.

Os concertos do venres teñen un estilo máis pop. Tramitess comezou no ano 1987 da unión de tres amigos con ganas de tocar. Primeiro tocaban temas pop compostos por eles e despois comezaron a facer versións. A raíz deste grupo naceu outro, Los Vecinos, que aseguran que os Tramitess lles aprenderon todo o necesario para montar o grupo. Nun principio facían tamén pop aínda que agardan evolucionar nun futuro cara ao rock e o blues.

Por último, e antes dos Ruxe Ruxe, tocarán The Cerne, formada a finais do 2004 por amigos que xa formaran parte doutros grupos pioneiros en Carballo. A banda tocará versións de diferentes grupos como os Dire Straits, os Beatles, os Guns&Roses, Police ou Bryam Adams.

Compartir: