Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas as obras de saneamento en varios...

Adxudicadas as obras de saneamento en varios lugares da parroquia de Entrecruces por máis de 200.000 euros

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe varias licenzas de obra, entre elas a de ampliación do cemiterio de Oza

Luns 18 de xuño do 2018

As obras de saneamento inclúen tamén as tubaxes para o futuro abastecemento de auga e a pavimentación do viario afectado

As obras de saneamento inclúen tamén as tubaxes para o futuro abastecemento de auga e a pavimentación do viario afectado

A Xunta de Goberno Local aprobou na xuntanza de hoxe a adxudicación das obras da rede de saneamento dos lugares de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, na parroquia de Entrecruces, por un importe de 215.908,14 euros. As obras serán executadas finalmente pola empresa carballesa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, despois das renuncias das tres anteriores, o que demorou o proceso.

O prazo de execución é de cinco meses, polo que se agarda que os traballos estean rematados antes de fin de ano. O proxecto, financiado con cargo ao canon da auga do 2017, inclúe, ademais da rede de saneamento,  a instalación de tubaxes para o futuro abastecemento municipal de auga e a pavimentación de todo o viario afectado polas obras.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o expediente para iniciar o procedemento de contratación dos servizos por aluguer de pala e camión con condutor para diversos departamentos municipais. O orzamento anual é de 181.500 euros, e o contrato será de catro anos con posibilidade dun máis de prórroga.

Na xuntanza foron aprobadas tamén facturas por un importe total de 60.058,36 euros e varias licenzas de obra, entre elas a de ampliación do cemiterio de San Breixo de Oza, que ten un orzamento de 48.777,29 euros. As obras consistirán na construción dun novo módulo formado por 30 panteóns de 4 nichos.

Por outra banda, na sesión de hoxe tamén foron aprobados un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua para a organización do curso de verán Traballando na calidade da lingua, o programa da Praza dos Libros e unha solicitude de subvención para un novo obradoiro de emprego.

Compartir: