Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo aplica por primeira vez as...

PLENO ORDINARIO

O Concello de Carballo aplica por primeira vez as novas bonificacións do IBI e o IAE para empresas

Aprobada a incorporación do superávit do 2017 para obras coa abstención de todos os grupos da oposición

Martes 29 de maio do 2018

A corporación municipal de Carballo aprobou por unanimidade as primeiras bonificacións do IBI e o IAE establecidas no pleno de xaneiro. Un laboratorio e centro de próteses dentais que se instalará na rúa Vila de Negreira beneficiarase deste xeito non só unha redución do 95% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), senón tamén desa mesma rebaixa, durante 3 anos, no Imposto sobre Bens Inmobles e no Imposto sobre Actividades Económicas.

Por unanimidade foron aprobadas tamén a solicitude de compatibilidade presentada por unha traballadora municipal e a adhesión do Concello de Carballo ao convenio coa Deputación da Coruña para regular o proxecto do Parque Arqueolóxico de Megalitismo da Costa da Morte, que permitirá a posta en valor do dolmen de Pedra Moura, na parroquia de Aldemunde.

A declaración do Trail Running Costa da Morte como actividade de interese obtivo o apoio de todos os grupos agás o de Terra Galega, que se abstivo. As abstencións estendéronse ao resto dos partidos da oposición na votación sobre a modificación orzamentaria para incorporar o superávit do ano pasado, preto de 1,4 millóns de euros que se investirán nas obras de conservación e mellora do núcleo de Castrillón (Lema), acondicionamento do espazo público destinado a praza en Aldemunde, pavimentación da praza do Centro Social de Ardaña, do acceso ao cemiterio e soterramento de cableado, dotación de servizos urbanos na senda peonil e ciclista da AC552 comprendida entre os quilómetros 32+620 e 34+480 e reurbanización da contorna do Fórum Carballo para mellora da accesibilidade e a seguridade.

No apartado de rogos e preguntas o PP interesouse por cuestións que están pendentes  coma a mellora da seguridade nos pasos de peóns ou a reposición de puntos de luz, así coma polo contrato para as modificacións puntuais do PXOM, a utilización do portal de Internet Eido Local ou as medidas adoptadas con respecto á lei de prevención de incendios. TeGa, pola súa banda, presentou un rogo para que se amplíen os horarios das instalacións deportivas e preguntas relacionadas coa contratación de socorristas, o proceso selectivo para cubrir unha praza de inspector de policía ou a readmisión dunha traballadora por sentencia xudicial. Tamén preguntou pola campaña de revisión das redes de augas pluviais e residuais, as bandeiras azuis ou o uso dun vehículo municipal.

Compartir: