Inicio Carballo ao día Novas Concello e Comité de Irmandamento con...

Concello e Comité de Irmandamento con L’Isle Jourdain asinan un convenio para promocionar o francés a través da literatura

A asociación cede temporalmente á Biblioteca Rego da Balsa 80 publicacións que se sumarán ás 180 referencias en francés coas que xa contan as bibliotecas municipais

Xoves 25 de xaneiro do 2018 Cultura

Ana Cancela, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

Ana Cancela, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

A presidenta do Comité de Irmandamento con L’Isle Jourdain, Ana Cancela, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá, por unha banda, dar un paso máis na difusión do libro e a lectura como pezas fundamentais da promoción da cultura, e, por outra, divulgar a literatura en francés como elemento de achegamento entre ámbolos dous pobos irmáns.

Deste xeito, o comité cede temporalmente á Biblioteca Rego da Balsa un total de 80 obras entre os que se atopan títulos tanto para a infancia como para a mocidade ou para lectores/as adultos/as. Os libros estarán a disposición das persoas usuarias da biblioteca tanto para consulta coma para préstamo, e esta primeira achega poderá ampliarse no futuro no caso de que a asociación incorpore novos materiais. Así mesmo, e na liña na que vén traballando nos últimos anos, a entidade que preside Ana Cancela colaborará co Concello de Carballo na realización de actividades de difusión do libro e a lectura.

O Concello de Carballo, pola súa banda, encargarase da catalogación dos materiais, da súa posta a disposición do público e de asumir, se é preciso, os custes de reparación ou reposición. A maiores, e á marxe do convenio, desde a Concellaría de Cultura completarase este fondo bibliográfico con outras 180 referencias en francés existentes entre as dúas bibliotecas municipais.

Compartir: