Inicio Carballo ao día Novas Comezou o arranxo do escenario do Pazo da Cultura...

Comezou o arranxo do escenario do Pazo da Cultura para reparar as consecuencias das inundacións de marzo do 2016

O novo entaboado estará listo nun prazo máximo de seis semanas e custará case 30.000 euros

Martes 9 de xaneiro do 2018

Estes días non hai escenario no auditorio do Pazo da Cultura, pero esta situación non durará máis de seis semanas. Ese é o prazo máximo establecido para a substitución do entaboado que resultou seriamente danado a raíz das inundacións de marzo do 2016, cuxas consecuencias eran cada vez máis visibles. De feito, os traballos que está a desenvolver a empresa Groma Obras SL, por un importe próximo aos 30.000 euros, son basicamente de carpintería, aínda que hai tamén unha pequena parte de electricidade.

Como o obxectivo da actuación é reparar os danos que causou a auga, as obras obrigan a retirar un total de 123 butacas das primeiras filas, así como a tarima de madeira que cubría o escenario, a situada diante das cinco primeiras filas de butacas, a de toda a escaleira central e tamén as portas laterais que comunican cos camerinos. Despois comezará a reposición, para a cal utilizaranse madeiras de pino de Oregón, cedro e taboleiro mariño, tratando de manter a estética do auditorio. O único que mudará será a cor do escenario e do acceso ao mesmo, que se vernizarán en negro, evitando deste xeito ter que mantelo cuberto case permanentemente cunha lona desa cor.

O auditorio do Pazo da Cultura estreará escenario para festexar a súa recente adhesión (hai menos dun mes) á Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de titularidade pública, na que tamén vén de integrarse o FIOT.

Compartir: