Inicio Carballo ao día Novas Entra en vigor un orzamento de récord, que...

MÁIS DO 60% DOS INVESTIMENTOS VAN DESTINADOS Á ZONA RURAL

Entra en vigor un orzamento de récord, que nos sitúa en canto a investimentos nos anos anteriores á crise

O Concello de Carballo é dos primeiros en ter en vigor as contas do 2018

Luns 8 de xaneiro do 2018

O orzamento municipal do 2018 xa está aprobado definitivamente, despois de que durante o período de exposición ao público non se presentase ningunha alegación. Deste xeito entra en vigor un dos orzamentos máis altos da historia do Concello de Carballo, que acada os 26.754.882,34 euros, e que, en palabras da concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, reflicte a estabilidade económica, o compromiso social e a capacidade inversora do noso Concello.

Rúa Barcelona

Rúa Barcelona

Esa capacidade demóstrase no capítulo 6 do orzamento de gastos, que é o que máis medra con respecto ao ano pasado e que se sitúa nos 6.265.115,53 euros e que nos permite recuperar os niveis anteriores á crise. Esta cantidade, sinala o alcalde, Evencio Ferrero, “permitiranos seguir acometendo obras que son importantes e consecuencia algunhas delas do proceso de participación que se puxo en marcha hai un ano cos consellos parroquiais. É imposible incluílas todas, pero non sendo o que se denomina orzamento participativo estamos moi contentos de incluír moitas delas”. De feito, un 63,07% dos investimentos incluídos no capítulo 6 van dirixidos á zona rural.

Estas son as actuacións máis relevantes:

  • Adquisición dun camión autobomba forestal: 225.000 euros
  • Investimento en terreos: 200.000 euros
  • Reforma rúa Barcelona: 422.907,44 euros
  • Reforma rúa Concepción Arenal: 236.907,44 euros
  • Aglomerado da vía Mirón-Oza: 126.759,76 euros
  • Aglomerado da vía Bolón-CEIP Gándara: 103.881,34 euros
  • Aglomerado da vía Ponte de Bértoa-O Moucho: 216.334,75 euros
  • Aglomerado da vía A Vixía-Igrexa Lema: 241.938 euros
  • Acondicionamento de accesos a vivendas illadas no rural: 450.000 euros
  • Eliminación de tendidos no entorno da igrexa de Rus: 44.541,31 euros
  • Acondicionamento lavadoiro Entrecruces: 53.261,90 euros
  • Abastecemento de auga potable a Oza e Razo: 1.699.912,70 euros
  • Investimentos en alumeado público: 150.000 euros
  • Rehabilitación do Museo de Bergantiños: 229.000 euros
  • Acondicionamento do centro social de Lema: 182.659,22 euros
  • Construción do centro social de Bértoa: 390.000 euros
  • Investimentos en instalacións deportivas: 148.000 euros
  • Acondicionamento de parques e xardíns: 116.160 euros

Carballo convértese nun dos primeiros concellos en ter en vigor as súas contas para o ano 2018. No documento adxunto podedes ver a distribución de ingresos e gastos por capítulos.

Descargas

Compartir: