Inicio Carballo ao día Novas Alumnos de segundo e terceiro de Primaria do CEIP...

Alumnos de segundo e terceiro de Primaria do CEIP Canosa-Rus realizan a primeira visita do curso á Casa do Concello

Mantiveron unha entrevista co alcalde e participaron nun percorrido guiado polas dependencias municipais

Martes 7 de novembro do 2017

A visita comezou cunha entrevista co alcalde no salón de sesións

A visita comezou cunha entrevista co alcalde no salón de sesións

Corenta e catro nenos e nenas de 2º e 3º de Primaria do CEIP Canosa-Rus realizaron hoxe a primeira visita do curso á Casa do Concello. Malia estar situado no veciño concello de Coristanco, a maior parte do alumnado do colexio é carballés, e por iso, ademais de participar en todas as actividades para escolares que promove o Concello de Carballo, están moi ao tanto da actualidade municipal. Así o demostraron na entrevista que mantiveron co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, aos que someteron a un auténtico terceiro grao sobre todo tipo de cuestións, desde as máis persoais ata reivindicacións como un parque cuberto. Por certo que o alcalde explicoulles que o proxecto para cubrir o Parque do Anllóns está en marcha e que agarda que poidan gozar del a finais de curso.

Os nenos e nenas interesáronse tanto por algunhas cuestións xerais do concello como por algunhas particulares da súa parroquia (preguntaron polo asfaltado de pistas, a reforma dos centros sociais, o alumeado...) e do casco urbano, e sorprenderon a Evencio Ferrero con preguntas tan inesperadas como esta: “Como se fai para ter Carballo tan bonito?”, que deixou case sen palabras ao alcalde.

Despois de máis de media hora de “interrogatorio” os/as alumnos/as dividíronse en dous grupos para participar nunha visita guiada polas dependencias municipais e tamén pola oficina do DNI da Policía Nacional. A posibilidade de ver como se fai un carné de identidade ou de entrar nos calabozos da Policía Local chamaron poderosamente a atención dos rapaces e rapazas, que tamén se amosaron moi interesados polo traballo que se desenvolve na Oficina Técnica Municipal, onde se detiveron especialmente a ver e analizar ao detalle os planos que hai no despacho da concelleira Milagros Lantes.

A visita de hoxe incluía ademais unha ruta guiada polos murais dos proxectos de arte pública do Concello de Carballo, pero foi suspendida por mor da choiva. Iso si, os nenos e nenas levaron os cadernos para colorear de Derrubando Muros.



Galería

Compartir: