Inicio Carballo ao día Novas As mocións sobre o Pazo de Meirás,...

As mocións sobre o Pazo de Meirás, os lumes, Cataluña e o deporte centraron o debate no pleno de outubro

Aprobada a ordenanza fiscal que regula as taxas do ciclo integral da auga, que abaratará os recibos das familias a partir do 1 de xaneiro

Martes 31 de outubro do 2017

A corporación municipal dedicou boa parte das máis de dúas horas que durou o pleno ordinario de outubro a debater sobre cuestións de ámbito supramunicipal.

Por unha banda, BNG, TeGa e PSOE secundaron unha moción a favor da adhesión do Concello de Carballo á Xunta pro Devolucion do Pazo de Meirás e do apoio ao manifesto desta plataforma cívica. O PP abstívose en este punto, pero presentou unha moción alternativa que tamén saíu adiante grazas aos apoios dos outros dous grupos da oposición e á abstención do goberno.

Tamén houbo moción dupla sobre a recente vaga de lumes en Galicia: unha presentada polo PSOE, á que se incorporaron emendas do BNG e Terra Galega, e que foi secundada por estes tres grupos pero  non polo PP; outra dos populares á que tamén se incorporou a emenda de TeGa e que non saíu adiante porque o goberno votou en contra.

A terceira cuestión allea ás competencias municipais foi presentada polo PP en relación coas forzas e corpos de seguridade do Estado despregados en Cataluña, pero só obtivo o apoio do PSOE. TeGa abstívose e o BNG votou en contra.

Aínda houbo unha cuarta moción, neste caso de ámbito local, promovida por TeGa e relativa á xestión do deporte en Carballo, pero non foi apoiada por ningún outro grupo. PP e PSOE abstivéronse e o BNG votou en contra.

Declaración institucional

O pleno comezou coa declaración institucional do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra Mulleres e Nenas, que foi aprobada por unanimidade.

Tamén saíu adiante, neste caso coas abstencións dos grupos da oposición, a modificación a ordenanza fiscal que regula as taxas do ciclo integral da auga. O pleno desestimou unha alegación presentada pola empresa concesionaria sobre a interpretación dos tramos nos que se aplican as distintas tarifas. Deste xeito, a partir do 1 de xaneiro do 2018 os carballeses e as carballesas verán reducida a factura da auga. As persoas beneficiarias da Risga estarán exentas de pago e ás empresas que máis consumen, para favorecer a actividade industrial, aplicaráselles unha taxa reducida de 0,32 euros/metro cúbico.

Por último, e por unanimidade, aprobouse o financiamento con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña e ás arcas municipais da adquisición de 151 colectores e 2.000 chaves para poñer en marcha en todo o casco urbano a recollida selectiva de materia orgánica e dar continuidade así ao proxecto piloto “Ti tes a chave”, que se desenvolveu no barrio da Milagrosa con moito éxito.

Seguimento dos órganos de goberno

Na última parte do pleno deuse conta do informe sobre morosidade, que reflicte que o Concello de Carballo segue pagando aos seus provedores dentro do prazo legal (día 8,59 de media) e que tamén se está a cumprir o obxectivo de estabilidade orzamentaria marcado polo Ministerio de Facenda.

Algunhas das cuestións abordadas ao longo da sesión volveron a poñerse sobre a mesa no apartado de rogos e preguntas. Os tres grupos da oposición formularon cuestións relacionadas co tráfico, o deporte, a xestión de persoal, o funcionamento de algúns servizos municipais, obras pendentes, Cataluña ou os lumes, entre outras.

Ligazóns

Compartir: