Inicio Carballo ao día Novas As posibilidades de futuro do polígono...

As posibilidades de futuro do polígono industrial de Bértoa, a debate no Axober Work Party

O Fórum Carballo acollerá o venres 10 de novembro un interesante café-tertulia aberto a todo o empresariado da Costa da Morte

Martes 31 de outubro do 2017

A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños volve a apostar polo formato “work party” para reunir ao empresariado da comarca arredor dunha mesa de debate e un café. Nesta terceira edición, a iniciativa promovida por Axober, coa colaboración do Concello de Carballo, abordará as Oportunidades e fortalezas do polígono industrial de Bértoa, que lidera as vendas de solo industrial en Galicia e que é xa un importante centro de actividade empresarial. De feito, dada a elevada porcentaxe de ocupación que ten xa, a corporación municipal de Carballo vén de aprobar unha solicitude á  Xunta de Galicia para que inicie os trámites de cara ao desenvolvemento dunha nova fase.

O Axober Work Party celebrarase o venres 10 de novembro, a partir das 17 horas, no Fórum Carballo. Contaremos coa participación de María Doporto Santos, coordinadora da Unidade Territorial Zona Norte de Xestur, que ofrecerá información sobre a situación actual do parque empresarial e as condicións de adquisición de parcelas, entre outros aspectos; Santiago Ángel Luaces, técnico en negocios da Dirección Territorial de Galicia de CaixaBank, que se centrará nas opcións de financiamento, e Evencio Ferrero Rodriguez, alcalde de Carballo, que exporá as perspectivas de futuro desde o punto de vista municipal e as vantaxes que ofrece tamén o Concello aos emprendedores para portenciar esas oportunidades e fortalezas do noso polígono. Despois das intervencións comezará o café-tertulia coa participación de todas as persoas interesadas.

Inscricións

Aínda que se trata dun acto aberto, por cuestións de organización prégase ás persoas interesadas que se inscriban a través do número de teléfono 981 756 313, do correo electrónico información@axober.org ou enviando unha mensaxe a través da páxina de Axober en Facebook.

Axober Work Party é un ciclo de actividades específicas, periódicas e cun formato semellante, para abordar cuestións que sexan de especial interese para o sector nun momento de determinado, como é o caso da intensa actividade que se está a rexistrar no polígono industrial de Bértoa, pero tamén para poñer en contacto ao empresariado local e comarcal e fomentar sinerxias que contribúan ao desenvolvemento económico da nosa contorna.

Ligazóns

Compartir: