Inicio Carballo ao día Novas O Plan Único da Deputación...

O Plan Único da Deputación financiará investimentos por máis de 4,5 millóns de euros en Carballo no bienio 2017-18

O presidente da institución provincial, que visitou hoxe o noso concello, destacou a aposta do goberno municipal pola humanización das rúas

Xoves 26 de outubro do 2017

A pavimentación con cemento do núcleo de Cances Grande, a reurbanización das rúas Ponte, Desiderio Varela e Xúpiter, a mellora da accesibilidade no barrio das Flores, o saneamento do Cotote, a reforma integral da rede viaria nas parroquias de Lema e Rebordelos, a primeira fase da travesía de Sísamo, a mellora das infraestruturas do polígono industrial de Bértoa ou a instalación de céspede artificial no campo de fútbol de Sofán son algunhas das obras executadas ao longo deste ano no noso concello co apoio económico da Deputación da Coruña. Neste momento, ademais, están en proceso de contratación as obras de mellora das rúas Montevideo e Río, a segunda fase da contorna do CEIP San Luís Romero e as rutas sen barreiras dos camiños escolares.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acudiu hoxe a visitar algunhas das actuacións xa rematadas, entre elas a primeira fase da travesía de Sísamo, que foi contratada directamente polo organismo provincial, e que, segundo confirmou, terá continuidade. “O lóxico é que cando empezamos unha estrada a rematemos”, dixo. O Concello de Carballo xa entregou o proxecto do segundo treito, ata o cruce coa rúa Nacente, e está previsto que se financie con cargo ao orzamento da Deputación do ano que vén.

Plan Único

As autoridades percorreron o primeiro treito da Avenida das Flores

As autoridades percorreron o primeiro treito da Avenida das Flores

Carballo, que no bienio 2017-2018 percibirá máis de 4,5 millóns de euros a través do Plan Único, é o concello que máis fondos percibe na provincia da Coruña en termos absolutos, segundo subliñou o deputado responsable da área de Plans, Xosé Regueira, que tamén participou na visita xunto co alcalde e con representantes dos grupos municipais do BNG e o PSOE. Evencio Ferrero valorou dun xeito moi positivo a autonomía que o Plan Único ofrece aos concellos, xa que permite, por exemplo, destinar unha porcentaxe importante a gasto corrente e liberar eses fondos para investimentos propios da Administración local, co cal os procesos de contratación e execución son máis rápidos.

Formoso lembrou que a distribución de fondos do Plan Único realízase en base a criterios obxectivos (poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal) que dende hai máis de dúas décadas veñen sendo empregados para o POS e que xeran un elevado consenso entre os alcaldes, independentemente de cores políticas.

Con respecto ás actuacións realizadas en Carballo, o presidente da Deputación destacou a aposta do goberno local pola humanización das rúas, “un modelo –apuntou- moi estendido en Europa que fai que mellore a calidade de vida dos veciños”.



Galería

Compartir: