Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato para o peche do...

Asinado o contrato para o peche do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero, que estará listo para fin de ano

As obras de urbanización das rúas Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal, que melloran a accesibilidade ao colexio e a seguridade, están case rematadas

Xoves 5 de outubro do 2017

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato das obras de reforma do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero. Ademais do representante da empresa adxudicataria, Desarrolla Obras y Servicios, no acto estiveron presentes o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o arquitecto redactor do proxecto, Fernando Añón. A construtora calcula que os traballos estarán listos nun prazo aproximado de mes e medio, o que supón que os nenos e nenas xa poderán gozar da renovada instalación á volta das vacacións de Nadal. Precisamente onte xa se mantivo un primeiro contacto coa dirección do centro para intentar que a presenza dos operarios entorpeza o mínimo posible a actividade escolar.

Urbanización da rúa Xesús San Luís Romero e pavillón ao fondo

Urbanización da rúa Xesús San Luís Romero e pavillón ao fondo

As obras foron adxudicadas por 121.883,30 euros. A maiores, e sen custe algún para o Concello de Carballo, a empresa construirá dous aseos e un almacén e realizará outras actuacións menores valoradas, en conxunto, en máis de 20.000 euros. O proxecto inclúe o peche da instalación, a iluminación e a mellora da accesibilidade desde o edificio do colexio.

Esta actuación súmase aos traballos de mellora da accesibilidade e da seguridade que se están a acometer nestes momentos na contorna do colexio. Nesta primeira fase o proxecto céntrase nas rúas Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal, onde, ademais de instalar ou modernizar todos os servizos, optouse por un acabado en superficie de plataforma única, con amplas zonas peonís e áreas verdes.

Outros investimentos

O Concello de Carballo está a realizar un importante esforzo de investimento na mellora dos complexos escolares, tanto no que respecta á accesibilidade –despois das obras das zonas do Chorís e o San Luís Romero está previsto actuar na contorna do CEIP A Cristina- como á mellora dos equipamentos. Neste sentido, entre as actuacións máis recentes figuran o acondicionamento dun aparcamento xunto ao colexio Gándara-Sofán e a instalación de novos pavimentos deportivos nos pavillóns do CEIP Fogar e do IES Monte Neme, o que, ademais, facilita o seu uso fóra do horario escolar por parte das entidades deportivas.

Compartir: