Inicio Carballo ao día Novas O servizo municipal de control de pragas eliminou...

O servizo municipal de control de pragas eliminou no mes de setembro outros 89 niños de vespa velutina

No que vai de ano foron retirados un total de 380 niños no conxunto das 18 parroquias

Luns 2 de outubro do 2017

Aínda que a cifra descendeu con respecto ao mes de agosto, a loita contra a invasión da vespa velutina obrigou ao servizo municipal de control de pragas a desenvolver unha intensa actividade tamén en setembro. Ao longo do mes que vén de rematar foron retirados 89 niños no conxunto das 18 parroquias. As máis afectadas foron Carballo e Sofán, con 19 e 18, respectivamente, mentres que de Aldemunde e Cances só se recibiu un aviso.

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, dende onde se poñerán en contacto coa empresa concesionaria para que proceda á súa retirada

A estas alturas do ano levamos eliminados 380 niños, que superan con creces os 249 retirados en todo o 2016. Carballo é o único concello de Galicia que ten contratado un servizo específico para o control e a retirada dos niños de velutina, e o prazo de resposta non excede das 24 horas. Malia a campaña de trampeo que se levou a cabo na primavera, no verán disparouse a aparición de colmeas, tal como prevían os apicultores locais, que están a traballar estreitamente coa empresa concesionaria.

As vespas utilizan, principalmente, árbores de todo tipo para facer os seus niños, pero tamén frecuentan as zonas urbanas para construílos en tellados, terrazas, balcóns ou alpendres. Aínda que estes son os emprazamentos máis frecuentes, en setembro, como curiosidades, foron eliminados niños dun pé de millo e unha alacena. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, dende onde se poñerán en contacto coa empresa concesionaria para que proceda á súa retirada.

Compartir: