Inicio Carballo ao día Novas O alumnado que participa no Pedibús...

SEMANA DA MOBILIDADE

O alumnado que participa no Pedibús sinalizou as rutas que utiliza para ir ao cole

A Pequerruta en bici organizada polas AD Media Ducia e as marchas a pé programadas pola xunta local da AECC e polo Club Ciclista Monteneme completan a programación da semana

Venres 29 de setembro do 2017

Os nenos e as nenas sinalizaron con pintura as rutas do Pedibús

Os nenos e as nenas sinalizaron con pintura as rutas do Pedibús

En Carballo seguimos a celebrar a nosa propia Semana da Mobilidade cun amplo e variado programa no que colabora activamente o movemento asociativo. Hoxe os protagonistas foron os nenos e nenas do Pedibús. Aínda que a choiva ameazou con augarlles a festa, a verdade é que puideron sinalizar sen maiores problemas as rutas que utilizan para ir ao cole. Acompañados pola Policía Local e algunhas nais e pais, dividíronse en dous grupos e fixeron o mesmo percorrido que realizan cada día entre as súas casas e os colexios Fogar ou Bergantiños, pero nesta ocasión pintando, coa axuda de plantillas, o logo do Camiño Escolar no chan. Un dos grupos estivo acompañado pola concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes. A divertida xornada rematou cunha tarde de merenda e xogos.

A xornada rematou cunha merenda e xogos

A xornada rematou cunha merenda e xogos

A promoción do Pedibús é unha das liñas de actuación nesta Semana da Mobilidade, xa que o lema europeo deste ano é “Compartir lévate máis lonxe” e aposta, entre outras, por iniciativas deste tipo. Para que cada vez sexan máis os nenos e as nenas que se desprazan a pé e en grupo, recuperando pouco a pouco a súa autonomía, tamén se levou a cabo un reparto de folletos informativos en todos os colexios do casco urbano. Grazas a estas iniciativas xa están a sumarse novos membros aos grupos, e ademais hai interese doutros centros.

Esta semana tamén se levou a cabo unha campaña de aforos de tráfico, enquisas, prospección de aparcamentos e outros estudos sobre o terreo previstos dentro do proxecto de estratexia de mellora e xestión do espazo público que está a elaborar a UTE IPlan Movilidad-Tema Ingeniería.

Próximas actividades

E de cara á fin de semana temos máis actividades abertas á participación de toda a cidadanía. Para mañá a Asociación Deportiva Media Ducia organizou unha nova edición da súa Pequerruta, unha ruta en bici pensada especialmente para os nenos e as nenas, pero tamén aberta aos maiores, que se realizará polo paseo do Anllóns. A saída será ás 15 horas desde a Praza do Concello.

E o domingo coincidirán dúas rutas a pé. Por unha banda, a Andaina da Marcha da Costa da Morte, que coincide coa xa tradicional ruta en bicicleta de montaña organizada polo Club Ciclista Monteneme, que reúne a centos de persoas. Nesta ocasión, a maiores, haberá un percorrido pasara os afeccionados ao sendeirismo ao longo duns 15 quilómetros pola beira do Anllóns. A saída está prevista para as 9.15 h. E ás 11 arrancará a iniciativa “Camiñamos” da Asociación contra o Cancro, que levará aos participantes ata a Ponte de Bértoa, nun percorrido apto para toda a familia.

Pero a Semana da Mobilidade en Carballo aínda continuará unha semana máis. O sábado 7 de outubro realizarase unha ruta urbana en bici coordinada polos tres clubs ciclistas locais: Monteneme, Media Ducia e Club Ciclista Carballo, e o domingo 8 repetiremos a ruta urbana a pé polo núcleo urbano de Carballo guiada por Xan Fernández Carrera.

Compartir: