Inicio Carballo ao día Novas Os investimentos realizados no Barrio das Flores...

Os investimentos realizados no Barrio das Flores melloran os servizos á cidadanía e a accesibilidade

A praza de San Cristovo loce nova imaxe tras a reforma do parque infantil e a mellora das instalacións deportivas

Luns 18 de setembro do 2017

Primeiro treito da Avenida das Flores, na travesía da estrada de Sísamo

Primeiro treito da Avenida das Flores, na travesía da estrada de Sísamo

O Concello de Carballo e a Deputación da Coruña veñen de investir preto de medio millón de euros no Barrio das Flores con dous obxectivos principais: por unha banda, ampliar e modernizar os servizos públicos, e, por outra, mellorar a accesibilidade.

A actuación de maior envergadura foi a urbanización da travesía urbana da estrada de Sísamo (DP-1901) no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,000 e 0,310. Os traballos, realizados pola empresa Excavaciones y Obras Candal cun orzamento de 270.717,75 euros, incluíron a renovación de todos os servizos soterrados, e o acondicionamento da superficie mediante a construción de plataforma única. Nas últimas semanas procedeuse á instalación de sinalización vertical e comezou tamén a colocación de mobiliario urbano, fundamentalmente xardineiras, papeleiras e aparcabicis, aos que se sumarán varios bancos. Ao mesmo tempo, o goberno municipal está xestionando coa Deputación xa a segunda fase da obra, posto que o obxectivo é ir executando sucesivamente os distintos treitos ata completar a travesía.

A través do Plan de Acción Social (PAS) realizouse un investimento de 187.099,81 euros que permitiu mellorar diferentes espazos urbanos do Barrio das Flores

A través do Plan de Acción Social (PAS) tamén se realizou un investimento de 187.099,81 euros que permitiu mellorar diferentes espazos urbanos do Barrio das Flores. A empresa Lancer Proyectos y Obras actuou nas rúas Mirtos, Malvas, Camelias, Moreiras e Violetas. As actuacións incluíron nalgúns casos a renovación de canalizacións, pero sobre todo centráronse na mellora da accesibilidade mediante o ensanchamento das vías, a pavimentación, a construción de beirarrúas e a sinalización viaria.

Dentro do mesmo proxecto acometeuse tamén unha intervención na praza de San Cristovo para modernizar as instalacións e garantir o correcto aproveitamento dese espazo público. Deste xeito, o parque infantil experimentou unha reforma integral que incluíu a colocación de novo pavimento de caucho e xogos, e tamén se acondicionaron as pistas deportivas e o mobiliario urbano.



Galería

Compartir: