Inicio Carballo ao día Novas Arrancan os procesos de contratación das...

Arrancan os procesos de contratación das obras de reurbanización das rúas Montevideo e Río

A Xunta de Goberno Local tamén iniciou o procedemento para a execución das melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento de Carballo, incluídas no canon da auga

Luns 11 de setembro do 2017

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na rúa Montevideo

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na rúa Montevideo

O plan de mellora do espazo público que está a acometer o Concello de Carballo continúa avanzando polos barrios con novos proxectos. Na súa reunión de hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou os expedientes de contratación relativos aos proxectos de reurbanización das rúas Montevideo e Río, incluídos no Plan Único de Concellos POS + da Deputación da Coruña.

Na primeira, que sae a licitación por 169.823,91 euros, os obxectivos son, por unha banda, a renovación ou ampliación das instalacións soterradas (auga, fecais, fibra óptica, rede eléctrica e de alumeado), e, por outra, o acondicionamento da superficie. Neste sentido, o acabado será semellante ao das rúas Xúpiter ou Ponte. O proxecto prevé a construción e beirarrúas de 1,8 metros de ancho en ámbalas marxes, zona de aparcamento de 2 metros e carril de pavimento continuo de formigón de 3,4 metros. A rúa terá sentido único de circulación rodada en dirección á rúa Alfredo Brañas. Nesta última tamén se renovará, dentro do mesmo proxecto, o tramo de beirarrúa existente entre Montevideo e Vázquez de Parga. A actuación prevé, así mesmo, a colocación de catro puntos de luz, pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical.

Recreación da imaxe final da rúa Río

Recreación da imaxe final da rúa Río

A reurbanización da rúa Río ten un orzamento de 189.543,86 euros. Ao igual que no proxecto anterior, o Concello de Carballo aposta por un modelo de plataforma única e uso semipeonil. Pero antes de actuar na superficie realizarase a substitución íntegra da actual rede de abastecemento de auga, que é de fibrocemento, por tubaxe de PEAD de 90 mm. de diámetro, e ademais realizaranse as acometidas aos 24 solares existentes na vía. Tamén se instalarán redes de saneamento e pluviais e renovaranse o alumeado público, con 9 puntos de luz, e as canalizacións de electricidade, telefonía, cable e gas. O acabado en superficie realizouse tendo en conta o uso rodado da rúa e a súa integración na contorna urbana, mellorando a imaxe da zona. Deste xeito, óptase por adoquín de granito silvestre para o centro da calzada e por lousas do mesmo material e de distinto tamaño para as beiras peonís.

Canon da auga

Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto e o procedemento de contratación das obras de melloras urxentes nas redes e abastecemento e saneamento de Carballo, incluídas nos orzamentos municipais, dentro da partida correspondente ao canon da auga, por 175.255,67 euros.

Pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero

Pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero

En materia de contratación tamén se aprobou a adxudicación á empresa Desarrolla Obras y Servicios S.L. das obras de reforma do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero, por un importe de 121.883,30 euros. Así mesmo, a empresa comprométese a executar, sen custo para o Concello de Carballo, unha serie de melloras: subministración e colocación de canaleta de drenaxe na fachada suroeste, protección dos alicerces con elementos elásticos apropiados para evitar danos na práctica deportiva, elevación do cadro eléctrico, instalación de alarma e construción de dous aseos e un almacén, todo ilo valorado en 20.538,48 euros.

Outros acordos

Entre outros acordos, a Xunta de Goberno Local aprobou un convenio coa Asociación Cultural O Molete Psicopop para a realización do festival XiriaPop 2017 e outro coa Deputación da Coruña para o programa da Rede Cultural. Tamén decidiu sobre a solicitude dunha axuda á Xunta para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados, as bases do concurso de webseries do 2018 e varias licenzas.

Compartir: