Inicio Carballo ao día Novas Unha explosión de creatividade...

Unha explosión de creatividade encherá este sábado Carballo de “Arte na Rúa”

A Asociación Artística Crea Formas, coa colaboración do Concello, desenvolverá de 12 a 22 horas unha chea de actividades para todos os públicos

Xoves 7 de setembro do 2017 Cultura

Este sábado regresa a Carballo “Arte na Rúa”. A Asociación Artística Crea Formas, coa colaboración do Concello de Carballo, recupera un proxecto que ten como principal obxectivo dar a coñecer o traballo dos creadores e das creadoras da comarca nas disciplinas máis variadas. “Pretendemos dedicar todo un día por e para a arte. Converter o espazo público da praza municipal nun gran escaparate de actividades relacionadas co mundo artístico, promocionando, ensinando e amosando deste xeito as inquedanzas dos creadores da zona en diferentes disciplinas artísticas”, expón a presidenta do colectivo, Esther Chamoso Lázaro.

“Arte na Rúa” desenvolverase de 12 a 22 horas na Praza do Concello (en caso de choiva trasladarase ao segundo andar do Mercado Municipal), e tratará de captar a atención de nenos/as e maiores cunha interesante proposta de actividades. Ao longo da mañá celebraranse obradoiros de arquitectura, escultura e artecollage para cativos/as, así como unha charla e proxección de cine para adultos/as.

Pola tarde, a partir das 18 horas, o programa arrancará cunha actuación musical para todos os públicos. Os peques poderán participar en obradoiros de artecollage e cine, e os maiores terán talleres de acuarela e literatura. Para todos será precisa a inscrición previa a través do correo electrónico creaformasartisticas@gmail.com. Unha exhibición de baile, unha mostra de teatro e unha actuación musical pecharán a xornada.

Compartir: