Inicio Carballo ao día Novas A BDT ofrece 40 postos de traballo para o sector...

AS PERSOAS INTERESADAS DEBEN CHAMAR AO 981 709 011

A BDT ofrece 40 postos de traballo para o sector do metal

A demanda de persoal para empregos relacionados coa soldadura e o aluminio continúa en aumento

Mércores 6 de setembro do 2017

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo xestiona nestes momentos un total de 40 postos de traballo para o sector do metal. A maioría proceden dunha empresa de Arteixo que precisa 20 soldadores con semiautomática e 10 caldereiros, e os outros son para unha industria de Culleredo que busca 10 carpinteiros e montadores de aluminio cunha experiencia mínima de dous anos e dispoñibilidade para viaxar. As persoas interesadas deben poñerse en contacto o antes posible coa BDT chamando ao 981 709 011 en horario de mañá.

O sector do metal continúa xerando unha porcentaxe moi importante das ofertas de emprego que chegan á Bolsa de Traballo do Concello de Carballo, que xa o ano pasado xestionou outras 40. Á vista desa necesidade, desde este servizo municipal, integrado na Concellería de Promoción Económica, organizouse no primeiro semestre o ano un curso moi especializado e orientado a formar aos asistentes para cubrir eses postos tan demandados polas empresas. De feito, montadores e soldadores ou oxicortadores figuran no Servizo Público de Emprego de Galicia como dúas das profesións cunha “ocupabilidade laboral moi alta”, e estes 40 novos postos de traballo veñen confirmar que o metal é un sector con moitas posibilidades de empregabilidade.

Precisamente nestes momentos está en marcha o proceso de selección de docente para impartir o curso de Soldadura con electrodo revestido e TIG, de 698 horas de duración, incluído na oferta de accións AFD para este ano xunto con Programación de sistemas informáticos (608 horas) Servizo de bar e cafetería (658 horas) e Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas en baixa tensión (938 horas).

Compartir: