Inicio Carballo ao día Novas O Concello estimula o investimento empresarial e...

O Concello estimula o investimento empresarial e a creación de emprego con bonificacións no ICIO de ata o 95%

A corporación municipal aprobou no pleno ordinario do luns dúas bonificacións para empresas de nova creación

Martes 5 de setembro do 2017

A corporación municipal aprobou no pleno ordinario do luns, por unanimidade, as propostas de bonificación no ICIO de dúas empresas de nova creación, unha nave de procesado de legumes que se instalará no polígono industrial de Bértoa e un centro de especialidades que desenvolverá a súa actividade no Barrio das Flores. Con estas son xa 16 as empresas bonificadas no que vai de ano.

Que é o ICIO?

O Imposto sobre Construción, Instalacións e Obras e un tributo indirecto que se aplica a calquera obra que precise licenza municipal ou comunicación previa. En función do custo de execución material determínase a contía que debe pagar o promotor, que será dun 2,5% en solo urbano e do 2% en solo de núcleo rural.

Que tipo de bonificacións están previstas?

A ordenanza municipal establece a posibilidade de conceder unha bonificación de ata o 95% sobre a cota tributaria para as construcións, instalacións ou obras destinadas á realización de actividades industriais ou comerciais que sexan declaradas de especial interese ben por fomentar a creación de emprego ou ben por contribuír á modernización do comercio local.

Cales son as porcentaxes de bonificación?

Para novas empresas oscilan entre o 50% e o 95% en función dunha serie de criterios. Por exemplo, das dúas aprobadas o luns, a nave de legumes obtén o máximo porque o presuposto de execución material supera os 180.000 euros e ademais está prevista a contratación de varios traballadores, co cal se superan con creces os 9 puntos precisos para obter o 95% e bonificación. A outra empresa, polo investimento e a creación de emprego, obtén os 5 puntos mínimos e necesarios para conseguir unha bonificación do 50%. Dito doutro xeito, os promotores da nave de legumes pagarán 372 euros de ICIO en vez dos 7.493 que lles corresponderían, e o centro de especialidades aboará 467,07 en vez de 934,15. As 16 bonificacións aprobadas no que vai de ano suman un total de 135.372,12 euros que aforran os emprendedores e que deixa de ingresar o Concello.

Para obras de modernización de locais comerciais e pequena e mediana empresa as bonificacións van do 25% ao 95%, pero neste caso só se ten en conta o orzamento de execución material da obra. A ordenanza completa pode descargarse no arquivo adxunto.

Onde deben estar situadas as empresas?

En calquera punto do Concello de Carballo. De feito, a nave de legumes situarase no polígono industrial de Bértoa e o centro de especialidades, no Barrio das Flores.

Descargas

Compartir: