Inicio Carballo ao día Novas Aprobadas no que vai de ano bonificacións...

Aprobadas no que vai de ano bonificacións do ICIO para 16 empresas, na súa maioría novos proxectos no polígono de Bértoa

Evencio Ferrero considera preciso empezar a xestionar o desenvolvemento dunha nova fase do parque empresarial

Venres 1 de setembro do 2017

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero amosan un plano que reflicte a elevada ocupación do polígono

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero amosan un plano que reflicte a elevada ocupación do polígono

A corporación municipal aprobará no pleno do vindeiro luns dúas bonificacións do ICIO para outras tantas empresas. En concreto, unha será para unha nave de procesado de legumes que se implantará no polígono industrial de Bértoa, e que obterá o 95% de desconto porque cumpre os requisitos tanto de investimento como de creación de emprego. Deste xeito, en vez de 7.493 euros pagará 372. A outra será para un centro de especialidades diversas (psicoloxía, logopedia...) que desenvolverá a súa actividade no Barrio das Flores, e que obtén un 50% de bonificación polo investimento que vai realizar, de maneira que en vez de 934,15 euros pagará 467,07.

No que vai de ano, o Concello de Carballo ten aprobado bonificacións para 16 empresas por un total de 135.372,12 euros, segundo os datos ofrecidos hoxe polo alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.

A maioría dos proxectos desenvólvense no polígono industrial de Bértoa, no que cada vez hai máis actividade. De feito, xa están ocupadas 76 das 145 parcelas da fase promovida por iniciativa pública, o que supón un 52,41%. Esas 76 parcelas suman un total de 265.565 metros cadrados, que supoñen un 57,91% dos 458,619 metros cadrados útiles totais. Ademais, por parte de Xestur continúan adxudicándose parcelas, polo que, en opinión do alcalde, é preciso empezar a xestionar o desenvolvemento dunha nova fase do parque empresarial. Evencio Ferrero, que xa lle trasladou esa inquedanza á conselleira Ethel Vázquez durante a visita que realizou ás obras da senda peonil e ciclista de Bértoa, insiste en que os trámites poden levar “varios anos”, polo que é preciso anticiparse á demanda futura.

Compartir: