Inicio Carballo ao día Novas Aberta ao tráfico a avenida das Flores,...

Aberta ao tráfico a avenida das Flores, que no primeiro treito queda de sentido único en dirección a Sísamo

O Concello de Carballo completará o equipamento da rúa e xestiona a cesión dun solar para utilizalo como aparcamento provisional

Mércores 9 de agosto do 2017

Evencio Ferrero e Milagros Lantes visitaron hoxe a rúa

Evencio Ferrero e Milagros Lantes visitaron hoxe a rúa

A última hora da tarde do martes quedou aberta á circulación rodada a avenida das Flores, unha vez rematadas as obras de urbanización dos 730 primeiros metros da rúa, que forma parte da estrada provincial que une Carballo con Sísamo. A travesía quedou irrecoñecible na superficie, pero tamén baixo terra, xa que foron renovadas absolutamente todas as canalizacións para que non haxa que romper se e preciso acometer algunha instalación nova. Os traballos foron executados pola empresa Excavaciones y Obras Candal SL cun orzamento de 270.717 euros, financiados pola Deputación da Coruña, titular da vía.

Pero os cambios non quedan só na execución da obra, senón que tamén afectan á ordenación da circulación rodada. Sempre buscando a máxima seguridade posible, o Concello de Carballo optou pola implantación da dirección única no primeiro treito da vía, desde o cruce coa rúa da Fábrica ata a intersección coa rúa Caravel, onde quedou establecido o sentido da circulación cara Sísamo. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, desprazáronse hoxe pola mañá ata a avenida das Flores para recoller as opinións de veciños/as e empresarios, ademais de comprobar a terminación da obra.

A avenida das Flores conta agora con amplos carrís de circulación e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros

A avenida das Flores conta agora con amplos carrís de circulación e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros

A avenida das Flores conta agora con amplos carrís de circulación e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. Tamén se plantaron árbores e colocáronse bancos e aparcabicis, pero aínda falta parte do mobiliario urbano, que completará o Concello de Carballo tan pronto como sexa posible con máis bancos, xardineiras, aparcabicis e sinalización. Ao mesmo tempo, a Concellería de Obras e Servizos xestiona a cesión dun solar que permitirá ampliar as prazas de aparcamento na contorna, e por parte do goberno municipal xa están avanzados os trámites para seguir estendendo as obras de urbanización á segunda fase da travesía.

Compartir: