Inicio Carballo ao día Novas Comeza o prazo de preinscrición para o...

EDUCACIÓN

Comeza o prazo de preinscrición para o novo alumnado da Escola Oficial de Idiomas

No último curso pasaron polas aulas do Pazo da Cultura un total de 540 estudantes

Luns 26 de xuño do 2017

A partir de mañá, día 27, estará aberto o prazo de preinscrición para o novo alumnado da Escola Oficial de Idiomas. Tanto a solicitude de praza como as consultas posteriores sobre admisión e matrícula poderán realizarse online, a través da ligazón que aparece ao final desta nova, onde tamén poderán consultar toda a documentación que deben achegar. As persoas que queiran cursar Básico 1 teñen de prazo ata o 6 de xullo. O 8 farase pública a adxudicación de prazas, e as admitidas terán que formalizar a matrícula entre o 10 e o 14 de xullo. Para o resto dos cursos a preinscrición estará aberta desde mañá ata o 14 de setembro; o 16 deste último mes adxudicaranse as prazas e a matrícula realizarase do 18 ao 21 de setembro.

O inglés é o idioma máis demandado desde que empezou a funcionar a sección de Carballo, no curso 2004-2005, e neste último ano foi a opción escollida polo 70% do alumnado

O alumnado que xa estivera matriculado na EOI no curso 2016-17 non debe facer preinscrición senón reserva de praza en liña e formalizar a matrícula na Xefatura de Estudos no horario que se indique no seu momento. As persoas que aprobaron en xuño teñen de prazo desde o 29 deste mes ata o 14 de xullo, e os que teñan que agardar a setembro poderán matricularse do 7 ao 13 dese mes.

No último curso estudaron na Escola Oficial de Idiomas de Carballo un total de 540 alumnas e alumnos, o que supón un descenso do 13% con respecto ao curso anterior. A baixada é moi inferior, no entanto, á media galega, que se sitúa no 20%. Desde a Consellería de Educación achacan esta tendencia ao aumento do emprego, que provoca que se produzan renuncias entre o alumnado que se matriculaba agardando mellorar a súa situación laboral.

O inglés é o idioma máis demandado desde que empezou a funcionar a sección de Carballo, no curso 2004-2005, e neste último ano foi a opción escollida polo 70% do alumnado. A continuación sitúase o francés, que tivo 86 estudantes, e por último o alemán, con 63.  A independencia da EOI da Coruña sigue a ser a gran reivindicación da escola carballesa.

Ligazóns

Compartir: