Inicio Carballo ao día Novas Telefónica inicia o despregue de fibra...

Telefónica inicia o despregue de fibra óptica, que na fase inicial chegará a 2.500 fogares e empresas de Carballo

A directora da compañía en Galicia presentou hoxe o proxecto nunha reunión co alcalde

Mércores 3 de maio do 2017

Evencio Ferrero recibiu no seu despacho aos representantes da compañía

Evencio Ferrero recibiu no seu despacho aos representantes da compañía

Case 2.500 fogares e empresas de Carballo terán ao seu alcance nos próximos meses a fibra óptica ata o fogar (FITH) de Telefónica. A compañía inicia o despregue da tecnoloxía de datos máis avanzada do mercado coa intención de ila ampliando progresivamente ata cubrir todo o territorio. A directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, presentoulle o proxecto ao alcalde, Evencio Ferrero, co que mantivo unha reunión este mediodía na Casa do Concello.

A compañía comezou xa a dixitalización da central cabeceira de FITH, que acollerá os equipos de terminación da rede óptica que atenderán Carballo e dende a cal se materializará o despregue da rede. A actuación comezará dun xeito inmediato cos traballos de campo, analizando as canalizacións, solicitando os permisos precisos e deseñando o trazado polo que se despregará a fibra óptica. Os representantes da empresa presentes na xuntanza de hoxe expresaron a intención da empresa de utilizar a infraestrutura existente, “porque a finalidade é substituíla por fibra óptica no futuro”, e facelo sempre co permiso da cidadanía e coa colaboración do Concello.

O alcalde, Evencio Ferrero, ofreceu esa colaboración, ao mesmo tempo que incidiu na necesidade de que a tecnoloxía de datos chegue tamén á zona rural. Neste sentido sinalou que a mellora da cobertura telefónica é unha reivindicación común a varios consellos parroquiais. Por parte de Telefónica, a intención é comezar o despregue polo casco urbano e estendelo en fases sucesivas ao resto do municipio, empezando pola costa. A FITH ofrece a posibilidade de gozar de velocidades de 300 megas, contidos audiovisuais en alta definición, videoxogos de última xeración ou capacidade para conectar varios dispositivos á vez coas mellores condicións de velocidade e calidade. 

Compartir: