Inicio Carballo ao día Novas O Fórum Carballo acollerá unha...

O Fórum Carballo acollerá unha selección de fontaneiros de todo o Estado interesados en traballar en Holanda

A empresa entrevistará o mércores 26 aos candidatos, na súa maioría de Carballo e Arteixo, pero tamén doutras comunidades autónomas

Sábado 22 de abril do 2017

A BDT está situada no segundo andar do edificio administrativo do Fórum Carballo

A BDT está situada no segundo andar do edificio administrativo do Fórum Carballo

Finalmente, o proceso de selección de fontaneiros para traballar en Holanda levarase a cabo en Carballo, e non só dos candidatos do concello ou da provincia, senón dos de todo o Estado. O elevado número de aspirantes da zona e a posibilidade de utilizar as instalacións do Fórum foron dous argumentos de peso para que a empresa holandesa que realiza as contratacións optase por convocalos a todos no noso concello. Deste xeito, ata Carballo desprazaranse tamén traballadores das provincias de Ciudad Real, Asturias, Álava e Cádiz.

As entrevistas terán lugar o vindeiro mércores 26 nas instalacións do Fórum Carballo. A partir das 16 horas serán entrevistados os 20 candidatos, entre os que figuran, á parte dos procedentes doutras comunidades autónomas, 8 de Carballo e outros 8 de Arteixo.

A oferta da empresa holandesa foi tramitada pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, que fai o labor de intermediación entre empresas e traballadores buscando os perfís máis axeitados para cada oferta. Neste caso ofrecen 30 postos de fontaneiro, tanto de primeira como de segunda, cun mínimo de tres anos de experiencia e, preferentemente, que saiban manexarse en inglés.

Segundo informou o representante da empresa que se puxo en contacto coa BDT, os contratos iniciais serán de 4 meses de duración. A empresa correría con todos os gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deberán realizar un curso de prevención de riscos específico (non están homologados os que se imparten en España) e asignaráselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato. A xornada laboral que figura na oferta é de 7 a 15 horas, e os fontaneiros traballan en grupos de dous.

Compartir: