Inicio Carballo ao día Novas Arranca o proxecto “Igualando Carballo” con...

Arranca o proxecto “Igualando Carballo” con obradoiros nos centros educativos e un concurso para o alumnado de 4º de primaria

A vindeira semana desenvolverase o taller “Sen diferenzas”, pero as actividades programadas polas concellarías de Igualdade e Cultura continuarán ao longo dos meses de marzo e abril

Sábado 11 de marzo do 2017

Este ano a celebración do Día Internacional da Muller en Carballo vai moito máis alá do 8 de marzo. Nin se limita a un día concreto nin a un colectivo específico, senón que dende as concellarías de Cultura e Igualdade hai propostas que se alongarán ata o mes de abril.

Este luns 13 arrancarán dous proxectos. Na Biblioteca Rego da Balsa empezará a elaboración do mural feminino que coordinará a pintora Alejandra Martínez cun grupo de mulleres, e que servirá como base para a creación dun recuncho de literatura relacionada coa igualdade de xénero. E nos centros educativos comezará a desenvolverse o proxecto “Igualando Carballo”, unha iniciativa que trata de achegar aos nenos e ás nenas, a través de obradoiros e dun concurso, o significado da data do 8 de marzo.

Ao longo desta primeira semana desenvolverase o obradoiro “Sen diferenzas”, que convida ao alumnado a reflexionar sobre a influencia que ten unha educación sexista na elección da formación e da profesión, a facerlle comprender que esa elección debe depender da aprendizaxe e das habilidades de cada quen, non do sexo das persoas; a analizar os estereotipos sexistas que se transmiten no proceso de socialización, e a propiciar a diversificación das eleccións académicas e profesionais tratando de eliminar os factores que as condicionan e os estereotipos de xénero.

Esta primeira fase do proxecto de formación e reflexión completarase coa convocatoria do 1º concurso “A historia das mulleres do concello de Carballo”, dirixido ao alumnado de 4º de primaria para intentar que investigue sobre a vida de personaxes femininas vinculadas dalgún xeito ao noso municipio. O obxectivo é que aprendan a valorar o papel que tiveron as mulleres na historia local, e para iso deberán elaborar unha historia de vida da muller que escollan, que pode ser familiar, veciña ou coñecida. Terán que recoller aspectos relacionados coa súa infancia, os xogos, os estudos, a madurez, as tarefas domésticas, o traballo, a vida da muller na súa contorna e as discriminacións que padeceu polo feito de ser muller. Os nenos e nenas recibirán nos seus colexios as bases completas e toda a información relativa ao concurso.

Compartir: