Inicio Carballo ao día Novas 18 profesionais da hostalería carballesa...

FÓRUM CARBALLO

18 profesionais da hostalería carballesa melloran a súa formación no 3º Curso de Cociña Saudable

A Concellería de Promoción Económica aposta unha vez máis por accións que tratan de dotar ao sector dun valor engadido

Luns 16 de xaneiro do 2017

Tortilliñas de algas, ensalada de froitos secos e aliño de sementes, paínzo con salteado de berenxenas e salsa de tomate, nuggets de verduras, ensalada de aguacate e mango con salsa de tomate e anacardios e sopa de garavanzos e espinacas integraron o menú inaugural do 3º Curso de Cociña Saudable, unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica que trata de achegar ao sector da hostalería ferramentas que o doten dun valor engadido baseado na saúde, a calidade, a profesionalidade e a atención especializada para cada tipo de cliente. Por iso, a segunda sesión, que se desenvolverá este mércores 18, estará centrada nos menús vexetarianos e veganos.

Nesta terceira edición participan 18 profesionais do sector da hostalería, e varios quedaron en lista de agarda. A Escola de Hostalería do Fórum Carballo será o seu centro de actividade durante as cinco xornadas das que consta o curso, e nas que elaborarán tamén menús para persoas con intolerancia á lactosa e ao glute, sobremesas saudables e menús saudables.

De proporcionar a información nutricional precisa, ofrecerlles as ferramentas que precisan para satisfacer a todo tipo de clientela e axudalos a incrementar a súa oferta encárgase Noa Vázquez Rendal, asesora nutricional, licenciada en Bioloxía e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, máster en medicina natural e experta en nutrición aplicada e nutrición ortomolecular.

Descargas

Compartir: