Inicio Carballo ao día Novas O Carballo pensado para as persoas segue a...

O Carballo pensado para as persoas segue a gañar terreo coas reurbanizacións das rúas Desiderio Varela e Ponte

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa reunión de hoxe a adxudicación das obras, que superan os 365.000 euros de investimento

Luns 16 de xaneiro do 2017

O Carballo pensado para as persoas, que camiña cara a accesibilidade universal, segue a gañar terreo. Na sua xuntanza de hoxe, a Xunta de Goberno Local adxudicou as obras de reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte, dúas vias urbanas situadas en zonas de moita actividade e con problemáticas diferentes que, grazas a estas actuacións, tamén se resolverán. A primeira será executada pola empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 176.055 euros, e a segunda correrá a cargo de Construcciones Ramón Vázquez y Reino cun investimento de 189.365 euros. En total máis de 365.000 euros procedentes do PAI (Plan de Aforro e Investimento) da Deputación da Coruña.

Rúa Desiderio Varela

Rúa Desiderio Varela

Na Desiderio Varela o principal problema é o estado dos servizos soterrados, xa que, por exemplo, as canalizacións do abastecemento de auga son de fibrocemento e non hai rede separativa de pluviais nin de gas. Co proxecto elaborado na Oficina Técnica Municipal quedarán resoltas todas as carencias. A actuación afectará aos 145 metros de vía e ao entronque coa Gran Vía, onde está prevista a construción dun paso de peóns elevado e a instalación dos colectores de residuos sólidos urbanos soterrados. No resto da rúa basicamente daráselle continuidade á intervención que se levou a cabo na primeira fase, coa renovación de todos os servizos e un acabado final con plataforma única.

Deste xeito, o proxecto prevé unha zona peonil de 2,50 metros de ancho con acabado de granito, unha zona de circulación de 3,8 metros de ancho de adoquín similar ao da rúa Colón e unha zona de protección de 2,85 metros de ancho máis próxima ao xardín, na que se alternarán adoquín e céspede.

Rúa Ponte

Rúa Ponte

Polo que se refire á rúa Ponte, a actuación abrangue 164 metros de lonxitude e unha zona de 508,22 metros cadrados na que se construirá unha rotonda para facilitar o tráfico, que é, xunto co estado dalgúns servizos, o principal problema dese punto do casco urbano. Trátase dunha rúa singular polas súas dimensións, xa que ten un ancho que oscila entre os 10 e os 14,95 metros. O acabado final será tamén de plataforma única, para harmonizar esa rúa con outras da contorna como a Vitoria e a Cinceiro, que tamén forman parte das accións de mellora da accesibilidade impulsadas dende o goberno municipal.

A rúa Ponte terá zonas peonís en ámbalas marxes de terrazo con acabado granallado e de ancho variable entre os 2 metros das zonas de aparcamento ata os 4. Ese paseo estará salpicado de árbores de crecemento lento, como aligustres ou acivros. A zona de circulación, de 3,50 metros de ancho, será de sentido único, como agora, pero a gran diferenza será a substitución do complicado e perigoso cruce con Luis Calvo, Perú e Poñente por unha glorieta de 22 metros de diámetro, dous carrís de circulación de 2,5 metros de ancho, e unha isleta central verde de 12 metros de diámetro. A construción da rotonda implica a demolición dunha pequena parte da antiga nave de Conservas Calvo. Serán, en total, 129,41 metros cadrados, cedidos pola familia.

Xestión do espazo urbano

A mellora do espazo público urbano é unha preocupación permanente do goberno municipal de Carballo pola importancia que ten de cara a garantir a seguridade dos veciños e veciñas que o utilizan. Neste sentido, na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou hoxe o inicio do expediente de contratación da elaboración da estratexia que permitirá mellorar e xestionar da forma máis axeitada ese espazo público.

Compartir: