Inicio Carballo ao día Novas Carballo Deporte xestionará o...

Carballo Deporte xestionará o pavillón do CEIP Fogar fóra do horario lectivo

O alcalde e o director do colexio asinaron un convenio de colaboración

Venres 13 de xaneiro do 2017

O Concello de Carballo está a traballar en diversas frontes para atender a crecente demanda de instalacións deportivas por parte, fundamentalmente, do tecido asociativo. Nesa liña, o alcalde, Evencio Ferrero, e o director do CEIP Fogar, Fernando Garea, veñen de asinar un convenio que permitirá a Carballo Deporte asumir a xestión do pavillón do colexio fóra do horario lectivo. Ao acto asistiron tamén o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, e o coordinador de instalacións de Carballo Deporte, Francisco del Valle. O acordo ten unha vixencia de catro anos, e, como contrapartida á cesión, o Concello de Carballo procederá á substitución do pavimento do pavillón.

Non é a primeira vez que o goberno municipal xestiona este tipo de colaboracións. De feito, o mesmo sistema que no CEIP Fogar utilízase no Nétoma-Razo e no IES Monte Neme. Neste último, ao igual que no Fogar, está prevista a instalación dun novo pavimento. O contrato, que ten un orzamento de 82.182,82 euros, está pendente de adxudicación.

Compartir: