Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, Protección Civil e o Centro de...

O CONCELLO ACADOU EN 2009 42 DOAZÓNS POR CADA 1.000 HABITANTES

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión animan aos veciños a participar na doazón de sangue

Martes 27 de xullo do 2010

O responsable de Promoción do CTG, Antonio Carcedo, agradeceu a colaboración do Concello de Carballo nas campañas de doazón, "xa que o contacto é durante todo o ano". Así, cada mes o CTG conta cunha Unidade Móbil que permanece alomenos dous días no centro da vila. Carcedo lembrou así mesmo algunhas das recomendacións para realizar as doazóns, especialmente en verán. Por exemplo, convén facer a doazón dúas horas despois da exposición ao sol, para evitar a deshidratación. Por outra banda, non é necesario acudir en xaxún (sen comer), nin tampouco a primeira hora da mañá. Respecto dos riscos, Carcedo subliña que nunha doazón "é totalmente imposible" que se produza ningún tipo de contaxio, e engade que en dúas horas xa se ten recuperado o volume de sangue doada ou que en tan só 20 días o corpo xa se ten recuperado por completo das consecuencias da doazón. Desexou "continuar mantendo os resultados de Carballo por riba da ratio da OMS".

Así mesmo, o Concello de Carballo ten previsto enviar nos próximos días unhas 15.000 cartas con información da campaña de recadación do Imposto dos Bens Inmobles (IBI). Nestes escritos axúntase así mesmo a información relativa ás campañas de doazón do Centro de Transfusión de Galicia para colaborar incentivando a doazón. O municipio ten experimentado un crecemento progresivo no número de doazóns nos últimos anos, que o levou a acadar un 2 por cento máis no seu número en 2009 respecto de 2008. No que respecta á bisbarra de Bergantiños, o incremento en 2009 tamén é notable, chegando a un 4 por cento de crecemento respecto de 2008 e acadando un total de 2.784 doazóns de sangue, cun índice de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, o que tamén entra na marxe das recomendacións da OMS. O obxectivo do Centro de Transfusión de Galicia en Carballo é incrementar a participación dos veciños e veciñas para que a taxa de doazón continúe a manter as cotas máis altas de solidariedade.

Compartir: