Inicio Carballo ao día Hemeroteca A zona azul chega con 92 novas prazas ás...

PINTADO DAS NOVAS ÁREAS DE ESTACIONAMENTO LIMITADO

A zona azul chega con 92 novas prazas ás rúas Rosalía de Castro, Sol, Milagrosa e Río Miño

Xoves 22 de xullo do 2010

A zona azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de zona azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada. Ademais, os veciños e veciñas deben indicar no momento do aparcamento a hora de inicio do estacionamento. A ausencia desta sinalización é motivo de infracción. O horario de limitación comprende de 9.00 a 20.00 horas, agás os domingos, festivos e a tarde dos sábados, que non hai limitación. O obxectivo desta medida é facilitar a existencia de prazas de estacionamento e a eliminación dos vehículos lapa -ou ventosa- que ocupan unha mesma praza incluso durante todo o día. Benedito Viña sinala que a zona azul tamén favorece "que a xente poida realizar as súas xestións e compras con comodidade para que Carballo sexa o centro social e económico da zona".

Dentro do apartado de tráfico tamén hai que mencionar que o pleno ordinario do mes de xullo aborda o luns 26 a aprobación da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial que na sesión de xuño quedou sobre da mesa para que os grupos da oposición puidesen examinala en profundidade e realizar propostas. O obxectivo desta normativa é o de "regular e compatibilizar os distintos usos da vía pública no casco urbano carballés para darlle máis fluidez á circulación e mellorar a seguridade", en verbas do Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña. A ordenanza consta de 80 artigos e un anexo onde se recolle o cadro de sancións, que coincide punto por punto co cadro da Lei de Seguridade Vial. A norma inclúe directrices de comportamento para os peóns, as bicicletas e ciclomotores, ademais doutros vehículos a motor, establecendo normas xerais como a velocidade máxima para circular no núcleo urbano, estipulada en 50 quilómetros por hora, aínda que en zonas peonís ou en lugares de grandes aglomeracións a velocidade máxima dos vehículos quedaría marcada en 10 quilómetros por hora.

Compartir: