Inicio Carballo ao día Hemeroteca As obras para crear unha nova escola infantil en...

A DEPUTACIÓN TEN INVESTIDO 10 MILLÓNS NO MUNICIPIO NESTE MANDATO

As obras para crear unha nova escola infantil en Carballo, financiadas pola Deputación, comezarán antes de que remate 2010

Xoves 15 de xullo do 2010

O Pleno da Deputación provincial aprobou unha achega de 550.000 euros para crear a segunda escola infantil o pasado mes de maio. Villamar subliña que "a crise non é unha escusa para que Carballo non conte con esta nova escola infantil" e reiterou o seu compromiso cos traballos. Á súa vez, Xoán Sande subliñou que co proxecto cóbrese "unha necesidade perentoria do Concello de Carballo, que conta cuns 300 nacementos ao ano". Respecto dos traballos da travesía de Sísamo, Villamar pediu desculpas polos posibles atrasos, pero subliñou que "nestes momentos é unha prioridade a contratación da segunda fase dos traballos". O Vicepresidente da Deputación quixo lembrar así mesmo que a colaboración entre a Deputación e o Concello "está dando resultados importantes para mellorar a calidade de vida dos carballeses e carballesas", cunha achega de "dez millóns de euros para o municipio neste mandato", sumando os diferentes programas provinciais e as achegas particulares, non só na escola infantil senón tamén no arranxo de estradas, na creación de saneamentos, etc. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo manifestar a súa "satisfacción por ver cumprida unha demanda como a da escola infantil" e polos avances na mellora da travesía.

Por outra banda, o Concello aínda está pendente dunha resposta da Xunta respecto á súa colaboración na construción da segunda escola infantil para Carballo. Así, este ano o Consorcio Galego de Igualdade e Benesar manifestou a súa imposibilidade de asumir o financiamento que tiña comprometido para o proxecto a través dun convenio asinado xa en novembro de 2008. Segundo ese acordo, deste importe, a Xunta tería que ter asumido o 80% do custo do proxecto -obra do arquitecto José Villacé e cun importe de 834.000 euros- mentres que o Concello achegaría o 20% restante, un total de 170.000 euros. Grazas á achega da Deputación, será posible sacar adiante o proxecto este ano, pero o Concello deberá achegar 300.000 euros, en lugar dos 170.000 iniciais, para asumir o importe completo da actuación. Xa que a Xunta manifesta que non pode asumir o financiamento do 80% estipulado no convenio, o Concello ten solicitado que alomenos achegue a diferencia entre os 170.000 e os 300.000 euros que deben asumir as arcas municipais. Polo momento, a Xunta non ten nin aceptado nin rexeitado asumir ese financiamento de 130.000 euros para colaborar coa actuación.

Compartir: