Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de cen pilotos participan a fin de...

A CITA É NO CIRCUÍTO DE MOTOR DE BÉRTOA

Máis de cen pilotos participan a fin de semana do 2, 3 e 4 de xullo no Campionato de España de Autocross

Mércores 30 de xuño do 2010

O programa de actividades comeza o venres coas primeiras verificacións técnicas na Praza do Concello, para celebrarse despois unha churrascada no circuíto para que a xente poida ver o ambiente no paddock, con acceso de balde ao recinto. O sábado e o domingo xa son as mangas clasificatorias e as finais. O sábado a partir das 15.00 horas, incluíndo os primeiros adestramentos libres; e a partir das 9.00 horas o domingo. A organización subliña que a cita vai contar con todos os pilotos que neste momento loitan polo Campionato, ademais de con moitos pilotos galegos nas distintas especialidades. Así, a categoría de División I promete un grande espectáculo, coa presenza do líder do Campionato, o burgalés Jesús Llorente, que terá que enfrontarse cos galegos da categoría, que contarán cun extra de motivación: os Mitsubishi de Santiago Ares e Felipez Fernández; o Ford Fiesta de Perfecto Calviño; e a aparición do vencedor de 2009, o piloto de Vimianzo Amador Vidal co seu Mitsubishi Lancer, ex campión de España de Rallies de Terra Grupo N.

Nos turismos máis pequenos, Joan Salichs é o principal favorito, con ganas de resarcirse da victoria que lle "arrebatou" o ano pasado o piloto de Coristanco Mariano Suárez, sen esquecer a volta do carballés Marcos Lista e do coñecido Ricardo Vidal. En canto á sempre espectacular categoría de Car-Cross, o líder do Campionato, o catalán Joan Enric de María, e o actual campión de España, Jordi Puigvert, xogarán ante os dous coruñeses que o perseguen, Iago Caamaño (vencedor en Lleida) e Sergio Bello (vencedor en Mollerussa). O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou a capacidade do Circuíto de Bértoa para acoller probas de todas as categorías, especialmente de nivel estatal, e especialmente este Campionato de España que cualificou como unha oportunidade única para os afeccionados do autocross. O Campionato de España tan só celebra en Galicia dúas probas, unha en Arteixo e outra en Carballo. Por último, tanto o Concello, colaborador na cita, como a organización, desexaron que a afluencia de espectadores iguale a elevada participación dos pilotos.

Compartir: