Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Verán Cultural comeza cun concerto...

VENRES 9 DE XULLO ÁS 22.00 HORAS

O Verán Cultural comeza cun concerto infantil da man do grupo Mamá Cabra e o seu disco 'Patatín patatán'

Mércores 7 de xullo do 2010

Mamá Cabra é un grupo de música infantil formado por sete músicos: batería, percusión tradicional, frautas e gaita, baixo eléctrico, acordeón, guitarra eléctrica e voz. Para facer o seu repertorio baséanse en poemas de autores como Gloria Sánchez, Ana María Fernández, Concha Blanco, Antonio García Teijeiro, etc., aínda que tamén teñen cancións propias ou temas que adaptan do folclore galego. Actualmente teñen seis traballos publicados. O seu espectáculo musical en vivo inclúe os temas do seu repertorio e dura arredor dunha hora. Está dirixido, sobre todo, a nenos e nenas de 0 a 10 anos. Nas actuacións buscan a participación dos cativos e cativas, propoñendo xogos como: imitar os xestos, facer acompañamentos rítmicos sinxelos ou repetir un pequeno retrouso.

Rematan sempre as súas actuacións presentando os instrumentos que empregan dunha maneira lúdica e divertida. Nos seus concertos hai cancións para escoitar, outras para saltar, bailar, remar, outras para animar a ler, para reflexionar sobre a necesidade de respectar o noso contorno medioambiental, outras para desfrutar da poesía. O seu espectáculo é, en suma, un concerto de música enfocado desde unha perspectiva escolar que propón distintas aprendizaxes, poñendo como escusa a música. No traballo 'Patatín patatán' contan con versións de cancións infantís como 'A Chata Piringüela', 'Heiche de contar un conto' ou 'Unha vella tiña un can'. Tamén inclúen dúas danzas: 'O Parampampero' que tenta ensinar dunha maneira moi sinxela o xeito de bailar unha muiñeira, e 'Hamelín', un baile escocés.

Compartir: