Inicio Carballo ao día Hemeroteca O distintivo da Bandeira Azul xa ondea nos areais...

CARBALLO: ÚNICO CONCELLO DA COSTA DA MORTE CON TRES ENSEÑAS

O distintivo da Bandeira Azul xa ondea nos areais das Saíñas, Pedra do Sal e Razo

Luns 5 de xullo do 2010

O símbolo da Bandeira Azul recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen as praias, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea. Hai que subliñar, así mesmo, que os areais de Carballo contan cun servizo específico de limpeza, así como con 32 socorristas que comezaron a traballar o día 11 de xuño para velar pola seguridade. Ademais este verán existe unha nova zona de estacionamento de vehículos no entorno de Pedra do Sal que da servizo tanto á praia das Saíñas como á mesma de Pedra do Sal.

Xunta de Goberno Local

No apartado de xestión medioambiental, tamén hai que mencionar que hoxe tivo lugar unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que se aprobou un Convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para sufragar os custes de almacenamento, transporte e tratamento por xestores autorizados, de residuos voluminosos. Así, o organismo autonómico transferirá un total de 12.747 euros á Administración Local e o acordo ten vixencia até o 31 de decembro de 2010. Durante a sesión saíu adiante así mesmo un Convenio de cooperación educativa coa Universidade Europea Miguel de Cervantes para a realización de prácticas do alumnado nas instalacións municipais ou en actividades de carácter académico, científico ou cultural. O período máximo de duración das prácticas é de 500 horas ou seis meses, e mínima de 100 horas. Por último, concedéronse seis licenzas de obra, dúas delas para vivendas unifamiliares e o resto para traballos de renovación e reforma, e saíron adiante catro proxectos de execución e tres licenzas de primeira ocupación.

Compartir: