Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Atlético de Madrid resulta...

VENCERON NA FINAL AO BARCELONA

O Atlético de Madrid resulta gañador do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

Luns 28 de xuño do 2010

Así, as Escolas Luís Calvo chegaron ata semifinais cunha moi boa actuación, xa que lograron derrotar ao Barça na liguilla antes de colarse nun partido decisivo. Baixaron finalmente os brazos fronte ao Celta, que finalizou en terceiro posto, aínda que sen ser derrotados, xa que o resultado tivo que decidirse na quenda de penaltis. Así, o tempo regulamentario rematou cun empate 1-1 grazas a un tanto de Dani Mato. Por outra banda, as Escolas Luís Calvo tamén levan o premio de que se recoñecese ao porteiro, Iván Baña, como o mellor do campionato. En canto ao máximo goleador do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo, tamén foi un xogador do Barcelona, Daniel Olmo. Respecto dos xogadores galegos destacados, hai que subliñar as actuacións de Alex, do Condado, e de Dani Mato, das Escolas Luís Calvo. Terio Carrera, da RTVG foi, un ano máis, o mestre de cerimonias no peche do torneo e na entrega de premios. En canto á participación, a organización tivo que lamentar a ausencia do Hoffenheim alemán que non puido chegar a tempo debido á folga de controladores aéreos que tivo lugar en Francia.

O VI Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo, en homenaxe por segundo ano consecutivo a José Luis Vara Olveira, acolleu nunha edición máis aos mellores conxuntos do panorama nacional e internacional, coa presenza das categorías de fútbol base de equipos como o Fútbol Club Barcelona, o Real Club Deportivo da Coruña, o Real Club Celta de Vigo, o Atlético de Madrid ou o Groningem holandés, xuntando entre 140 e 150 rapaces, ademais de outros tantos que participaron na fase previa. Desa fase xurdiu o Montañeros, que garantiu a súa participación ao igual que as Escolas de Fútbol Luís Calvo participaron como anfitrións. Este ano, a cita contou ademais co xogador do Real Club Deportivo Iván Pérez como padriño, non só pola súa relación persoal con José Luis Vara, senón porque tamén comezou como alevín defendendo a camiseta do Compostela no Torneo de Brunete. Na presentación, Pérez subliñou a "alegría e motivación" que debe supoñer para os equipos da comarca ter un torneo desta importancia a nivel nacional e internacional.

Compartir: