Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Director Xeral de Patrimonio Cultural visita o...

TAMÉN ESTIVO EN PONTE LUBIÁNS E VILARDEFRANCOS

O Director Xeral de Patrimonio Cultural visita o dolmen de Pedra Moura, incluído no Parque do Megalitismo

Luns 12 de xullo do 2010

Rey Pichel estivo acompañado na visita polo Xefe Territorial da Consellería de Cultura, Manuel Varela Rey. Os dous foron recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña. Tamén estiveron presentes durante o percorrido a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, e outros membros da corporación así como unha representante do Concello de Coristanco. O Parque do Megalitismo da Costa da Morte está neste momento superando a fase de estudo das alegacións, téndose presentado unha dende o municipio de Carballo. O Concello ocupará 5.800 metros cadrados dos aproximadamente 176.000 con que contará o parque e o obxectivo de Patrimonio é deixar pechadas as expropiacións en 2011 para logo poder comezar a traballar. Ata 9 concellos da Costa da Morte forman parte deste proxecto que recuperará e porá en valor 14 monumentos megalíticos ademais do Dolmen de Dombate.

Limpeza de Ponte Lubiáns e recuperación castrexa


Despois da visita, que comezou coa recepción no Concello, continuou en Ponte Lubiáns e Vilardefrancos e rematou en Aldemunde, o Director Xeral de Patrimonio Cultural adquiriu varios compromisos de colaboración, como é asumir a limpeza da Ponte Lubiáns e do seu entorno. Así mesmo, e ante a preocupación do Goberno local pola posible degradación dos castros do municipio, Rey Pichel comprometeuse a estudar posibles actuacións en castros como o de Ouxas, en Entrecruces. Pola súa banda, o Concello ten previsto enviar propostas a Patrimonio que inclúan a limpeza, recuperación e a posta en valor da cultura castrexa no municipio, que conta cun total de 19 poboamentos.

Segundo o Director Xeral de Patrimonio, as actuacións do seu departamento teñen o obxectivo "de que o cidadán entenda a importancia destes vestixios culturais de especial incidencia na paisaxe e no territorio". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou durante a visita que a obriga de Patrimonio é "velar pola riqueza arquitectónica con atención permanente". A visita de Rey Pichel tamén incluíu un percorrido polo carballo de Vilardefrancos e as inmediacións do Pazo "como un acto simbólico e de visita obrigada", en verbas de Ferrero, xa que se trata da "árbore máis senlleira da Costa da Morte", con arredor de 500 anos de idade.

Compartir: