Inicio Carballo ao día Hemeroteca O teatro con aires mexicanos e o blues-rock...

MÉRCORES 14 E XOVES 15 DE XULLO

O teatro con aires mexicanos e o blues-rock latino de Sés abren aos adultos o programa do Verán Cultural

Martes 13 de xullo do 2010

O grupo de teatro da licenciatura en literatura dramática da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) e a Escola Nacional de Arte Teatral do Instituto Nacional de Bellas Artes únense o mércores 14 nun orixinal pasarrúas teatral polo centro de Carballo no que se rende homenaxe ao Ano Santo e ao Camiño de Santiago. É só o principio dunha semana na que o Verán Cultural entra de cheo na súa programación. Así, tamén principian as populares Noites de Cine, cun total de 18 sesións de luns a xoves durante todo o verán, sendo os mércores sempre a cita na capital carballesa. Este mércores a cita conta coa proxección de "Crepúsculo", ás 22.30 horas no Xardín Municipal, nunha sesión que conta coa colaboración da Deputación da Coruña. O xoves 15 xullo, e seguindo coa popular saga de películas baseadas nos libros de Stephenie Meyer, terá lugar na praia de Razo a proxección de "Luna nueva" ás 22.30 horas, coa colaboración da ACRD San Martín de Razo.

Pero o mesmo xoves é o momento de que o Pazo da Cultura se encha cos sons dunha banda de dez músicos, Sés, e dunha artista carballesa María Xosé Silvar, que poñen no escenario unha descarga de ritmos e sons. Ofrecen un feixe de temas orixinais e unha vocalista que canaliza toda a enerxía do escenario. Dos coros africanos aos ritmos ska, do blues á pachanga, de Aretha Franklin a Janis Joplin, da Habana a Budapest. Sés é unha descarga de ritmos e sons cun denominador común: as boas vibracións. Unha banda de dez músicos con sección de vento e coros, temas orixinais cantados en galego e unha vocalista que comeza a despuntar no panorama musical galego. Así, María Xosé Silvar, autora de todas as cancións, lidera Sés cun torrente de voz imposible, espontáneo e cheo do eclecticismo máis festeiro e bailable. A cita é o xoves a partires das 22.00 horas no Pazo da Cultura e o concerto enmárcase no programa do VI Curso de verán sobre dinamización lingüística e na programación do Verán Cultural de Carballo.

Compartir: