Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca un Curso de...

DURANTE O SEGUNDO SEMESTRE NA PARROQUIA DA BREA

Arrinca un Curso de Panadería-Bolería da Rede Xiana que formará a 18 mulleres desempregadas

Luns 14 de xuño do 2010

O curso de Panadería-Bolería estará xestionado polo Centro Municipal de Formación, polo que tamén contará cun Servizo de Acompañamento Laboral como unha ferramenta de reforzo contra a situación das persoas desempregadas e en risco de exclusión social, cuxo obxectivo é dar resposta á necesidade de mellorar as súas perspectivas de integración a través dun servizo personalizado e especializado de inserción laboral. O Axente de Inserción Laboral acompañará ao alumnado no proceso de busca de emprego prestando asesoramento a potenciais emprendedores/as e realizando tarefas de intermediación laboral para coñecer as demandas do tecido empresarial. María Manso resaltou a presenza deste orientador laboral e agradeceu á Deputación "que se acordara de nós coa Rede Xiana cando hai tan poucos cartos para repartir". Á súa vez, Evencio Ferrero quixo subliñar a importancia de poder acceder ao mundo laboral, "o grande reto e a grande preocupación social" nos tempos que corren.

A Rede Xiana persegue a posta en marcha dun programa de fomento do emprego para 90 concellos de toda a provincia a través dunha rede de traballo técnico, político, económico e social que traballe por un emprego de calidade, estable, seguro e con dereitos. O Concello de Carballo consigue ser sede un ano máis no proxecto Rede Xiana como xa o fixera no ano 2009, cando o Centro Municipal de Formación organizou un curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio alcanzando un índice de inserción laboral dun 42 por cento. Este dato confirma a importancia da orientación laboral ao longo de toda a acción formativa preparando ao alumnado nas técnicas de busca de emprego e nas ferramentas de acceso ao mercado de traballo. Ademais, o proxecto ten prevista a posta en marcha dun curso de Apoio á Obtención do Certificado de Profesionalidade para persoas participantes en aquelas accións formativas do proxecto que teñan recoñecido o certificado de profesionalidade correspondente ou algún módulo de competencia profesional.

Compartir: