Inicio Carballo ao día Hemeroteca Básket Xiria e Escola Lubiáns...

DO 1 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO

Básket Xiria e Escola Lubiáns únense para mellorar a oferta das súas Escolas Deportivas de Verán

Martes 8 de xuño do 2010

Os nenos e nenas que se anoten contarán cada día cun avituallamento proporcionado por empresas colaboradoras. O prezo por mes é de 70 euros, e de 30 euros para un segundo irmán ou irmá, tendo as dúas entidades igualado as tarifas. De haber un terceiro ou cuarto irmán ou irmá poderían anotarse de balde. En canto ás inscricións, poden formalizarse en dous puntos da capital municipal: por parte de Escola Lubiáns as anotacións poden realizarse no Pavillón Bergantiños; mentres que no caso de Básket Xiria, as anotacións poden realizarse na sede da entidade situada na rúa Vázquez de Parga, 10, en horario de oficina de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A organización subliña que nun principio non hai límite de prazas, xa que as instalacións teñen capacidade abonda, e calculan que asistirán entre 130 e 150 nenos e nenas. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, amosou a súa satisfacción porque estas escolas de verán continúen un ano máis, e tamén pola colaboración entre dúas entidades deportivas como Escola Lubiáns e Básket Xiria.

Pola súa parte, o Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a actividade das escolas de verán no concello e o feito de que exista unha oferta variada. Subliñou especialmente "a colaboración entre entidades e entre deportes" co obxectivo de "mellorar a oferta educativa" e tamén o feito de que os cativos e cativas poidan desenvolver outras actividades ademais das estrictamente deportivas. O Concello colabora con estas escolas, e tamén coas Escolas Deportivas e Culturais Xiria de balonmán que este ano presentan a novidade de incorporar, a través da Concellaría de Benestar, o programa Concilia, que permite a ampliación do horario para atender aos nenos e nenas a partires das 7.30 horas, coa posibilidade de incluír o almorzo. Con ese novo horario, os nenos e nenas que se anoten nas escolas de balonmán teñen a posibilidade de estar de 7.30 a 14.00 horas. As Escolas Deportivas e Culturais Xiria están dirixidas a todos os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e as inscricións poden formalizarse nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal. Pode obterse máis información, sobre horarios e prezos chamando ao 981 702 109.

Compartir: