Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle a VI edición do Curso de...

ENTRE O 14 E O 16 DE XULLO

Carballo acolle a VI edición do Curso de Verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

Luns 7 de xuño do 2010

Os obxectivos desta edición da acción formativa que desde o ano 2008 se desenvolve en Carballo son reflexionar sobre a vinculación entre política lingüística e política cultural, analizar os elementos de política lingüística que se teñen en conta nas accións culturais, avaliar as accións relacionadas coa cultura que se utilizan nas políticas lingüísticas e presentar accións para a normalización e a dinamización lingüísticas que teñan como obxectivo intervir nas actividades e nos espazos de lecer. Para isto combinaranse sesións teóricas e prácticas, formativas, de análise e de traballo conxuntos con inclusión de relatorios, grupos de traballo, presentacións de experiencias, obradoiros e mesas de debate. O curso comeza o mércores 14 de xullo coa inauguración a cargo de Evencio Ferrero Rodríguez, Alcalde co Concello de Carballo; Xoán Manuel Sande, deputado responsábel de Normalización Lingüística na Deputación; Goretti Sanmartín Rei, Directora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC e Nel Vidal Barral, presidente da CTNL.

A intervención inaugural é un relatorio de Daniel Romero, asesor cultural e dinamizador lingüístico, no que analizará as accións culturais e de lecer na política lingüística. Hai que mencionar que ao día seguinte, ademais das intervencións, ás 22.00 horas terá lugar un concerto de Sés, unha banda festeira de dez músicos con ventos e coros, cun feixe de temas orixinais e unha vocalista (María Xosé Silvar) que canaliza toda a enerxía do escenario, que vai desde os coros africanos até os ritmos ska, do blues á pachanga, da Habana a Budapest. O concerto é no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é libre para todas as persoas que queiran asistir. Da conferencia de clausura encargarase o secretario xeral da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo, que falará sobre 'A comprensión xurídica da lingua como ben cultural'. Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo polo miúdo, poden descargalo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: