Inicio Carballo ao día Hemeroteca As verbenas, Tamara, 'O baile de...

LUCIANO CALVO LE O PREGÓN DAS FESTAS O MARTES 22

As verbenas, Tamara, 'O baile de Ardebullo' o festival Rockin e a Festa do Bosque, protagonistas do San Xoán 2010

Sábado 5 de xuño do 2010

O pregón é o martes 22 de xuño ás 21.00 horas. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña o labor do pregoeiro deste ano porque "Carballo debería empezar a recoñecer a persoas que tanto levan contribuído para que Carballo sexa outra cousa". Despois do pregón, o día 23 comeza a semana grande, que terá verbena cada día na Praza do Concello con orquestras como Los Satélites, Trébol, Capitol ou Pasarela. O venres 25 é o día de Tamara, cantante neta do coñecido Rafael Farina que presenta o seu disco 'Amores', pero que ofrecerá tamén no seu repertorio míticos boleros ou canción de artistas como Roberto Carlos. O sábado 26 é a quenda do espectáculo 'O baile de Ardebullo'. Tamén na Praza do Concello, trátase dunha actuación humorística e musical coa presenza das coñecidas 'cantareiras' Nucha e Mucha. Ademais, o sábado pola tarde este ano conta coa novidade dos Correfocs, uns pasarrúas que inclúen un espectáculo pirotécnico co que percorrerán o centro carballés bailando e saltando entre fogos de artificio, recollendo a tradición mediterránea do lume, e entroncándoa coas cachelas de San Xoán.

Antes da Semana Grande, hai que subliñar a celebración un ano máis do festival Rockin, este ano, por motivos de axenda, o sábado 12 de xuño. De Carballo estarán Killer Cats e de Galicia, Dr. Gringo. Os pratos fortes chegan de norteamérica con Sour Jazz & Daniel Rey e Barrence Whitfield Eta Petti & The Bloodyhotsacks, que ofrecerán rock & roll até altas horas na Praza do Concello. O domingo 27 pecha o programa a Festa do Bosque, unha tradición xa arraigada pese a terse recuperado hai só uns anos. Dende a Peña Os Larpeiros, organizadora da cita, avisan que este ano ás 11.00 horas, pouco antes do comezo da festa, retiraranse todas as cintas que valen o Bosque para reservar espazo. O motivo, en palabras de Antón Guitoi, evitar os conflitos que se teñen producido outros anos deixando constancia de que "hai moito sitio no Bosque sen pelexar". Xa no programa de actividades, destaca a sesión Vermú co Dúo Época; a actuación do home orquestra CE Fantasma, para cativos e cativas; pola noite a salsa de La Comandancia; e o peche con Lowcos, xusto despois dos fogos de artificio de fin de festa que teñen lugar na Agra da Lagoa a cargo de Pirotecnia Rocha.

Cultura e deporte

No apartado exclusivamente cultural destaca a representación teatral da obra "Master Class", pero tamén a presenza do Festival Mozart co Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), o Día da Muiñeira, unha exposición colectiva de homenaxe a Luis Seoane, o Festival Escola na Rúa ou a XIII Mostra de Habaneras, que pecha o San Xoán o sábado 3 de xullo. O programa tamén está recollido na Revista de San Xoán, que estará á venda o luns 14 de xuño co prezo simbólico de 1,5 euros e na que se recollen artigos e textos na liña de edicións anteriores, aínda que con algunha novidade. "O obxectivo é que a revista permaneza máis alá das festas", explica Belén Lendoiro. No apartado deportivo o VI Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo reunirá unha vez máis ao mellor do fútbol base de toda España, pero tamén hai que subliñar o Torneo Internacional de Hockey, o Campionato Galego de Quadcross no Circuíto de Motor de Bértoa ou a Carreira Ciclista Torneo de San Xoán, o sábado 26 coa participación prevista de máis de 200 rapaces e rapazas.

Non faltan este ano o Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas, aínda que, segundo anunciou o presidente da Comisión de Festas, Jorge Campos, non será posible celebrar o Gran Prix de Carrilanas. Así mesmo, os interesados e interesadas poden consultar o cartel das Festas de San Xoán 2010 nesta mesma nova, elaborado por Ana Otero Fernández que gañou o concurso patrocinado por Óptica Enríquez e levou un premio de 450 €. O programa de festas ao completo tamén pode descargarse nesta nova.

Compartir: