Inicio Carballo ao día Hemeroteca A praia carballesa das Saíñas...

HABILITADA UNHA NOVA ZONA DE ESTACIONAMENTO EN PEDRA DO SAL

A praia carballesa das Saíñas contará por primeira vez este verán co distintivo da Bandeira Azul

Xoves 3 de xuño do 2010

Así mesmo, a Concellaría de Praias que dirixe Benedito Viña informa de que este verán haberá unha nova zona de estacionamento de vehículos no entorno de Pedra do Sal (na imaxe), que dará servizo tanto á praia das Saíñas como á mesma de Pedra do Sal. Esta área, que conta con aproximadamente 130 prazas, vén a completar unha xa existente creada hai tempo, de tal xeito que agora haberá dúas zonas de estacionamento situadas unha a carón da outra que en total teñen capacidade para máis de 200 vehículos. O Concello quere así facilitar o acceso a dous areais que nesta tempada contarán coa Bandeira Azul e mellorar así a calidade do servizo de acceso ás praias. Neste sentido, Benedito Viña tamén informa de que este ano os areais carballeses estarán vixiados por 32 socorristas que comezarán a traballar o día 11 de xuño. Nestes momentos xa están cubertas todas as prazas e hai 12 persoas en listaxe de agarda por se se producise algunha baixa durante a tempada.

Ademais, o martes 1 de xuño a empresa Eulen vén de principiar o seu labor coa 'Limpeza de praias do municipio de Carballo'. Despois de que a adxudicación definitiva do servizo se producise o pasado 24 de maio, o Concello vén de axilizar a posta en marcha do mesmo. A empresa ten o compromiso de incrementar o período de prestación do servizo en tempada alta en dúas semanas (dende o 16 de setembro até o 1 de outubro) e o incremento do período de tempada media en dúas semanas (dende o 1 de abril até o 15 de abril) e a duración inicial do contrato é de catro anos. Este servizo de limpeza vén a redundar no bo estado dos areais, no que tamén se ten mellorado a calidade das augas coa posta en marcha do servizo de saneamento integral de Razo, co funcionamento da nova rede de colectores e da Estación Depuradora (EDAR). Así mesmo, neste momento estase traballando na colocación dos colectores de Baldaio para ofrecer cobertura do servizo de saneamento en todo o litoral carballés e seguir contribuíndo así á excelencia das augas.

Compartir: