Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Planetario Viaxeiro da Obra Social La Caixa...

NA SALA DA BAIXOCUBERTA CON CITA PREVIA

O Planetario Viaxeiro da Obra Social La Caixa permanece no Pazo da Cultura até o 14 de xuño

Mércores 2 de xuño do 2010

O 'Planetario viaxeiro' consiste nunha pequena carpa circular con capacidade para un máximo de 18 persoas que acolle a proxección dun documento audiovisual no que se explican algunhas das claves da astronomía, como os movementos de rotación e translación da Terra, os segredos da Estrela Polar ou a situación dalgunhas das constelacións máis coñecidas. A proxección dura uns 12 minutos, aínda que a visita ao completo é de media hora. A actividade está especialmente dirixida ao alumnado de Primaria, e os nenos e nenas dos centros escolares que asistan recibirán un pequeno planisferio no que están sinaladas as constelacións máis importantes, incluídas as doce do zodíaco e as instruccións para empregar o mapa celeste correctamente. Así mesmo, os profesores e profesoras tamén reciben unha unidade didáctica para poder completar na aula a formación recibida no planetario.

A actividade 'Planetario Viaxeiro', que ten como obxectivo achegar o ceo aos nenos e nenas e rapaces e rapazas que aínda o descoñecen e aos adultos que o teñen esquecido, foi presentada polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; e polos responsables das oficinas municipais de La Caixa, Francisco Felípez e Laura Lema, que asistiron a unha proxección. Lendoiro agradeceu a colaboración da Obra Social para poder achegar a Carballo esta actividade, mentres que Francisco Felípez manifestou que dende La Caixa "estamos encantados de colaborar coa formación dos cativos e cativas". O Alcalde subliñou que a actividade é "unha boa oportunidade para desfrutar do fascinante mundo do cosmos" e expresou a disposición do Concello de Carballo de acoller no futuro outras actividades da Obra Social.

Compartir: