Inicio Carballo ao día Hemeroteca A cantante Uxía actúa no Pazo da...

XOVES 3 DE XUÑO ÁS 21.00 HORAS

A cantante Uxía actúa no Pazo da Cultura como homenaxe a Uxío Novoneyra

Mércores 2 de xuño do 2010

A primeira parte, pois, é un documental de 15 minutos, "A certeza de sermos", con poemas ditos coa súa propia voz e textos do poeta narrados por Fernando Morán. Este documento ten un valor histórico por conter imaxes até agora non divulgadas. Na súa maior parte proceden do fondo documental da AS-PG e recollen a participación de Uxío Novoneyra nun recital poético de 1988 no que estaba acompañado por Manuel María, Avilés de Taramancos, Alexandre Cribeiro, Bernardino Graña, Álvarez Torneiro e García Bodaño. A segunda parte leva por título "Aires do Courel" e nela preséntase a interpretación musical de Uxía Senlle sobre poemas de Novoneyra, acompañada polo guitarrista brasileiro Sérgio Tannus. Tamén este é un traballo inédito que está en proceso de gravación para dar a coñecer proximamente.

Na terceira parte presentarase 'Canto de permanencia', un documental creativo de 25 minutos de duración que como único texto ten os versos de Uxío Novoneyra. A liña argumental central son as catro estacións do ano a través dos seus poemas e as imaxes a xeografía do Courel. En 'Canto de permanencia' están esencialmente Os eidos, pero están tamén versos de Poemas Caligráficos, Do Courel a Compostela, Poemas da doada certeza e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. Foi ideado e escrito por Eduardo Álvarez, Xoán Costa e M.ª dos Anxos González Refoxo e realizado pola produtora Pixel Films cun grande equipo de profesionais: o seu director Carlos Seijo, Mikel Fuentes e Jairo Iglesias entre outros. A cita, de balde, o xoves 3 de xuño ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura.

Compartir: