Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno acorda a redución dos salarios dos...

APROBADA A 2ª FASE DO TRASLADO DE POSTOS DO MERCADO

O pleno acorda a redución dos salarios dos concelleiros con dedicación exclusiva entre un 5 e un 7 por cento

Martes 1 de xuño do 2010

Esta proposta foi achegada polo Goberno e supón unha emenda a unha moción presentada polo grupo de Terra Galega pedindo a redución dos salarios dos postos electos do Concello de Carballo. Así mesmo, o pleno rexeitou unha moción presentada polo PP no mesmo sentido. As reducións acordadas serán efectivas a partires da nómina do mes de xuño. Xa dentro da orde do día, a corporación sacou adiante a aprobación da segunda fase do proxecto de Urbanización da DP-1901 Carballo-Sísamo. Esta actuación na travesía de Sísamo supón a mellora de máis dun quilómetro de vía ata a Escola Unitaria da Raíña, entre os puntos 0,730 e 1,835. O proxecto ten un orzamento de algo máis dun millón e euros e o Concello solicita á Deputación, titular da vía, a inclusión da obra no Plan de Travesías Provinciais 2008-2010. Nestes momentos a Deputación xa ten contratadas as obras da primeira fase da travesía por un importe de 600.000 euros.

O pleno do luns 31 de maio tamén supuxo a aprobación da segunda fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos. Neste caso trátase da mudanza dun total de 25 establecementos de alimentación situados no primeiro andar do edificio, que, tras o traslado, pasarán a desenvolver provisionalmente a súa actividade, e ata que acondicionen os seus postos definitivos, no soto do mercado. Hai que lembrar que nestes momentos xa é efectivo o traslado dos postos exteriores, que están exercendo a súa actividade no segundo andar do edificio. Por último, o pleno deu o visto bo a dúas modificacións de crédito relacionadas co proxecto Fórum Carballo e que teñen que ver co desenvolvemento de obradoiros formativos, cuxo importe íntegro é asumido polo Concello; e coa dinamización do Centro de Formación. As modificacións afectan a dúas partidas de 76.610,15 e 60.000 euros, respectivamente.

Compartir: