Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 300 persoas asisten ao peche do...

AS ACTIVIDADES TIVERON LUGAR ENTRE OUTUBRO E MAIO

Máis de 300 persoas asisten ao peche do Programa de Exercicio Físico para Maiores 2009-2010

Luns 31 de maio do 2010

O Programa de Exercicio Físico para Adultos Maiores de 60 anos ten como obxectivos xerais influír na poboación maior conseguindo estilos de vida activos e saudables; e manter ou mellorar a súa calidade de vida mediante a actividade física e a inserción social actuando sobre o proceso natural de envellecemento. En canto aos seus obxectivos específicos, a actividade pretende manter un nivel suficiente de capacidade funcional xeral; mellorar a saúde reducindo o risco de desenvolver ou volver a padecer determinadas doenzas (cardiovasculares e osteoarticulares); e mellorar a seguridade ao facer exercicio. A actividade consiste no desenvolvemento de dúas sesións semanais de entre 30 e 45 minutos de Exercicio Aeróbico, Acondicionamento Muscular e Flexibilidade de Baixo Impacto Osteoarticular, cun aumento progresivo de intensidade que vai de baixa a moderada ou media intensidade.

Hai que lembrar que esta fin de semana tamén tivo lugar o peche do programa de Deporte na Escola que se desenvolveu ao longo do curso 2009-2010, coa celebración de 'Xogar na rúa', unha cita que xa ten chegado á súa edición número 20 e na que participaron o pasado sábado 29 máis de 2.000 nenos e nenas, segundo a organización. Un total de 60 monitores e monitoras vixiaron as 16 zonas de xogos que ocuparon a Praza do Concello, con actividades como bádminton, balonmán, un búfalo mecánico, voleibol, mini basket ou xadrez, entre outras moitas. Ademais, este ano tense introducido como novidade unha actividade de iniciación á capoeira para os máis cativos e cativas. 'Xogar na rúa 2010' contou co patrocinio de Caixanova, Conservas Calvo, a Asociación Vieiro, a Deputación da Coruña, a Fundación Deporte Galego e o Padroado Deportivo Municipal.

Compartir: