Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha Feira Multicultural, un ciclo de cine...

DO 1 AO 11 DE ABRIL

Unha Feira Multicultural, un ciclo de cine africano e unha Festa da Cervexa centran as actividades do Panxea 2010

Venres 26 de marzo do 2010

Aínda que as actividades arrincan o Xoves Santo, o prato forte do Panxea 2010 é a Festa Multicultural da Cerveza. Unha carpa no Parque do San Martiño acolle o festival no seguinte horario: xoves 8 de 19.00 a 00.00 horas; venres 9 e sábado 10 de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 00.00 horas; e domingo de feira 11 de 11.00 a 17.00 horas. O obxectivo é o de organizar unha festa ao estilo da coñecida Oktoberfest, degustando gastronomía tradicional de Alemaña e Bélxica xunto coas súas cervexas máis emblemáticas: Paulanes e Affligem. Para comer, haberá, en representación de Bélxica: mexillóns ao vapor con pacas fritas e ovos ao forno con touciño; e en representación de Alemaña: codillo de porco ao forno e unha variedade de salchichas alemanas. A animación musical correrá a cargo dun grupo musical distinto cada día, o xoves a partires das 21.00 horas e o resto dos días ás 22.00. Serán, por este orde: Fol de Veneno, Killer Cats, Lowcos e as Cantareiras Malante.

Poren, o programa do Panxea arrinca xa na Semana Santa, xa que o xoves 1 de abril, de 12.00 a 20.00 horas, e tamén na carpa no San Martiño, celebrarase unha Feira Multicultural na que participan asociacións de emigrantes, artesanías do mundo, ONGs e distintas entidades sen ánimo de lucro. Está prevista ás 19.00 horas unha Chocolatada popular, tamén na carpa do San Martiño, que contará con chocolate e pan de ovo feito polas panaderías de Carballo. Tamén dende as 19.00 horas haberá animación musical coa actuación dun grupo local, con varios compoñentes de Carballo, denominado Falsa Escuadra. Unha vez rematada a Semana Santa, e a partir do luns, celebrarase un Ciclo de Cine Africano entre os días 5 e 7 de abril. As citas serán cada día a partires das 20.00 horas no Pazo da Cultura e inclúen a proxección de dúas películas, dúas curtas e un documental. Tamén está programada unha mesa redonda, o luns 7 ás 19.00 horas, antes da conseguinte proxección, baixo o título 'A realidade africana e o cooperativismo'. Participarán na mesa representantes de Ecos do Sur, Médicos do Mundo e o comisario do ciclo de cine, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Casa de África. Entre os títulos que se proxectará no ciclo está 'Faro la Reine des Eaux', 'The Wooden Camera', 'Humanitaire!', 'One Goal' e o documental 'Vitimes de nos richesses'.

Compartir: